Cando un ten no seu peito como maior orgullo o feito de pertencer a unha comunidade como no meu caso é Aguiño, non pode sentir maior satisfacción que a de que un veciño reciba unha homenaxe do seu pobo e este é o caso de Andrés Torres Queiruga hoxe, ao cumprirse o medio século da súa ordenación sacerdotal. A súa traxectoria como teólogo é recoñecida a nivel internacional, coas súas obras traducidas a máis de sete idiomas e estudadas nos seminarios máis importantes do mundo. A defensa da cultura e a lingua galegas sempre foi o seu guieiro, del dicía García Cendán «que é un teólogo noso, integrado na nosa cultura e aberto sempre ao diálogo. Fuxe das frivolidades intelectuais e sofre especialmente cando os seus críticos se permiten desconfiar do seu amor pola Igrexa».
Define esta reflexión a traxectoria intelectual e persoal de Andrés e transmite o recoñecemento que outros pensadores teñen por el; pero para min e para cada un dos aguiñeses, non é máis que o veciño, o home sinxelo e humilde que cando volve ao pobo sempre participa da celebración eucarística, que si pode evitalo non falta ao Carme, que fai familia cos seus, integrado na comunidade parroquial e no tecido social, un orgullo sen parangón para este Aguiño que o viu nacer. Foi nomeado Aguiñés de Honra no 2009, tamén é Socio de Honra de numerosas entidades como Francisco Lorenzo Mariño, que leva o nome do seu mestre e grande amigo ademais de ter premios a nivel nacional e internacional e ser membro da RAG ou do Consello da Cultura. Pero tamén tivo que vivir momentos convulsos na súa traxectoria, intres de dor pola falta de entendemento da súa obra creando nel un fondo pesar. Agora todo iso queda atrás para recibir o maior dos galardóns, o que lle outorga a parroquia na que misou por primeira vez; a posta en valor a unha traxectoria, a unha vida entregada aos demais co único fin do servizo e o bo facer dende a humildade e a sinxeleza que o caracterizan. Grazas e parabéns Andrés!. Unai González. Aguiño
Envíe sus textos a redac.barbanza@lavoz.es