Antonio Castro: «O que máis me gusta dos festexos é facelos»

BARBANZA

Antonio Castro, organizador do domingo das festas de San Roquiño

28 sep 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Despois de Manuel Miguéns, que leva máis de medio século involucrado na organización das festas de San Roquiño, Antonio Castro é o que máis experiencia ten nesta materia. El comezou hai 24 anos a darlle forma ao programa do domingo, despois de que o abandono dun veciño ameazara con deixar a xornada na honra de San Roque sen a correspondente celebración. Asegura que os comezos non foron doados.

-¿Cales foron os obstáculos que tivo que superar?

-O primeiro, habituar á miña familia a dedicarlle tanto tempo á festa. O primeiro ano foi ben, o segundo tamén, pero ao terceiro, a miña muller, que me animara a sumarme á comisión, xa me estaba pedindo que o deixara. Hai moitos días que me vou da casa nada máis chegar de traballar e non regreso ata as doce da noite.

-¿Cal é a parte máis dura da organización dunha festa?

-Recadar os cartos leva moito tempo. Ás veces tes que ir tres ou catro veces por un negocio para conseguir que poña un anuncio no libro das festas, e coas casas pasa o mesmo.

-Aínda así, deben colaborar bastante os veciños de Tállara para que se garantan seis días de festas....

-Si, porque hai que ter en conta que todos imos por todas as portas da parroquia, pasamos seis veces por cada casa. O que ocorre é que a xente xa conta con nós e ten reservados os cartos para cada un. Aos veciños gústalle presumir de cartel, que digan que as festas de San Roquiño son moi boas. Tamén é certo que non se conforman con calquera cousa, aspiran a que veñan dúas orquestras cada día e, se pode ser, que unha delas sexa das punteiras.

-¿Tállara é entón un pobo esixente?

-As festas do San Roquiño sempre tiveron sona de boas e os veciños queren que siga sendo así, que non se baixe o nivel. A nós, aos organizadores, tamén nos fai ilusión que o cartel reciba piropos.

-E a vostede, persoalmente, ¿cal e a parte das celebracións que máis lle gusta?

-O que máis me gusta dos festexos é facelos. Considero que hai que ter ilusión por facer a festa, porque doutro xeito non se consegue nada.

-¿Quen cre que gañará nesta edición a batalla?

-Eu penso que o meu día foi o mellor, pero supoño que iso é o que dirán todos. Para min fixen un bo cartel tendo en conta que xogo en desvantaxe, pois as orquestras son un pouco máis caras un domingo que un día de semana.

-¿Que cartel lle gustaría ver para o domingo do ano que vén?

-A Marbella e a París de Noia. Penso que o conseguirei, pois aínda me queda tempo.

-¿Non pensa entón en dar o relevo a outro veciño?

-Gustaríame seguir moito tempo máis aínda, sempre e cando os veciños teñan ilusión por ter festas. Se non hai tolos coma min non se fai nada.

Castro leva 24 anos formando parte da comisión FOTO dani gestoso