Oevidente non precisa ser probado. Cousa ben distinta é analizalo. Os acordos promovidos por C’s co PSOE e co PP fracasaron. Agora tócalle á cidadanía entender as motivacións dadas polos distintos actores desta traxedia hispana e tamén se Albert Rivera atinou, ou non, neste ensaio. Do que ninguén dubidará é do seu voluntarismo.
O primeiro que toca deducir é se a España de hoxe en día é máis esquerdosa ou máis dereitosa nos termos definidos pola Revolución Francesa, porque as ideoloxías políticas deberían importar neste conflito. A priori, e segundo se auto definen as distintas formacións, aínda que logo as prostitúen creando máis confusión que na construción da Torre de Babel, a dereita suma máIs escanos e votos que a esquerda, tanto no 20-D como no 25-X, sempre e cando se teña un pouco máis claro que a concelleira ribeirense María José Brión que o partido laranxa, aínda que nalgunha emerxencia fai de lateral esquerdo, xoga máis cómodo pola banda de Cristiano Ronaldo, o que é normal tendo en conta que o 85% da poboación mundial é destra.
Entón, ¿cómo debería rematar este conto? O máis normal atopámolo na vila do Caramiñal. Entre Nós Pobra e BNG sumaban máis que o resto, así que, aínda que os de Rosana Pérez e os de Lois Piñeiro non se levaban, os frontistas optaron polo ditado democrático das urnas. Por certo, por honradez e boa praxe política, todos os concelleiros díscolos de Ribeira deberían devolver a acta que, co anacrónico sistema de listas pechadas, ben seguro acadaron máis por marca que por méritos propios.