Hai un tópico moi ocorrente dentro da clase política consistente en prometer a creación, por mor da súa maxia, de tropecentos milleiros de postos de traballo, coma se o emprego dependese da intervención directa dos gobernos sen mediar ningún estudo ou análise que o avalíe e, por suposto, onde a iniciativa privada sexa prescindible, secundaria. Xa se sabe, a demagoxia non ten lindes e, ademais, é barata. Xa o verán vostedes nas vindeiras semanas que precederán ás eleccións.
Certo é que sen outros apoios científicos que os da observación todos somos conscientes de que o gran tecido económico desta bisbarra xira en torno ao mar, o que se reflicte en dúas das tres clásicas cualificacións dos sectores económicos, o primario e secundario. Tamén temos algunha representación no terciario polo turismo de tempada, pero, agás unha sobre dimensión das Administracións, pouco máis, o que nos debería levar a facernos a pregunta de se temos outras alternativas.
Os grandes gurús da moderna análise socioeconómica falan de que no futuro o que se albisca é o que chaman cuarto sector, que poderiamos resumir como a sociedade do coñecemento, no que a iniciativa privada xogará un rol imprescindible e no que o sector público soamente deberá servir de mero catalizador, que xa non é pouco. Xa non farán falla grandes investimentos en novos polígonos, abondando cos que xa hai, senón, por exemplo, en reorientar o ensino cara esas demandas. Sen rebater esta nova tendencia, tamén debemos dicir que as potencialidades que aínda temos non están esgotadas.