Á búsqueda da cohesión

La Voz

BARBANZA

s resultados electorais para a formación de En Marea na comarca do Barbanza non son bos con respecto ás eleccións celebradas o pasado 20 de decembro do 2015, pero si optimistas para unha forza que aínda se está a conformar e tendo en conta a tendencia á baixa que se dou en todo o Estado. Son esperanzadores de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Foi o PP quen obtivo unha ampla maioría de apoios, pois experimentou un incremento parecido ao que aconteceu a nivel xeral.

Na nosa comarca pódense tirar algunhas conclusións de importancia, que se poden extrapolar ao resto de Galicia. Dous son os factores que parecen influír nos apoios obtidos por En Marea: a presenza dunha asemblea veciñal activa no concello e a proporción de área rural que presenta o municipio. A porcentaxe máis alta acadada é o 28,72 % da Pobra, concello onde gobernamos Nós Pobra. Os seguintes serían Rianxo e Boiro, que superan o 23 %, en Noia por riba do 20 %, cifra que tamén se supera en Muros, Porto do Son e Ribeira. O traballo de Rianxo en Común, Boiro Novo e a Marea de Noia faise sentir. É sen embargo en Mazaricos onde peor resultado se obtén, xunto con Lousame e Outes, concellos de carácter rural e nos que a resistencia aos grandes cambios parece ser maior, pois incluso a Ciudadanos pásalle algo semellante e son os tres municipios con mellor porcentaxe para o PP.

O reto co que se enfrontan na actualidade todas as forzas políticas chamadas do cambio é lograr unha confluencia cunha maior cohesión, que se presente diante da cidadanía como unha alternativa seria ao goberno de Feijoo. Pero logo de estudar os resultados da nosa comarca compróbase que se fai imprescindible a expansión dos movementos veciñais, a organización de novas asembleas onde non existen e sobre todo no rural, coa grande dificultade que pode entrañar iso. Dende o municipalismo, dende a participación directa da xente é como se pode chegar a producir o cambio.

A nivel estatal a situación segue a ser bastante complexa, veremos que prevalece: tratar de levar a cabo o programa de cada partido e ser quen de chegar a acordos, ou simplemente facer cálculos do que máis convén de cara ás seguintes eleccións, é dicir, miralo todo cun prisma electoralista ou pola contra pensar na xente e nos seus problemas, nas súas necesidades, no seu sufrimento.

Esta vez non parece que ninguén vaia a poder permanecer á marxe das negociacións, aínda que será unha opción moi tentadora vendo o resultado que lle dou ao Partido Popular.