O que aínda agarda por nós

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

17 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sigo as noticias da intervención nos novos xacementos arqueolóxicos de Moimenta (Boiro) con avidez e atención. Con certeza algúns de vostedes preguntaranse como é que despois de tantos anos, tantas olladas, tantas investigacións, o Barbanza segue a ofrecer cousas novas no ámbito do patrimonio arqueolóxico.

Aí temos un castro novo para catalogar e un marabilloso xacemento, sobre o que se cerne agora unha destas cuestións que dan para discutir durante meses: cazadores ou guerreiros da Idade do Bronce? Seguro que para aclarar asunto tan interesante, non abondará con unha nin con dúas campañas.

A resposta a esa pregunta que facía está ben clara: por suposto que o Barbanza aínda dará moito máis do que hoxe está recoñecido oficialmente. Hai moitos xacementos que aínda non están protexidos e que non foron recoñecidos, pero están aí agardando. E hai moitísimos outros, máis difíciles de recoñecer e ver, que irán aparecendo ao longo dos anos. E logo está outro tipo de sitio arqueolóxico: aquel do que sempre se pensou que era dunha época pero, ao mellor, é doutra ben distinta e cun uso moi diferente ao imaxinado, e deses asegúrolles que temos tamén algún bo exemplo.

SUnha significativa parte destes lugares foron descubertos por entusiastas e amadores do patrimonio cultural que percorren de maneira incesante a nosa comarca. Da cooperación respectuosa dos profesionais do patrimonio cultural con estes afeccionados dependerán moitas destas frutíferas noticias que nos agardan nos vindeiros anos.