«Os restos de Moimenta poderían ser coetáneos con outros do alto da serra»

BARBANZA

XOÁN A. SOLER

Un dos maiores expertos en arqueoloxía de Galicia vaticina que os novos achados darán moito que falar

05 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A monumentalidade de Barbanza, xa sexa na súa serra como no litoral, parece non ter fin, con novos descubrimentos que non deixan de arroxar luz sobre o pasado da bisbarra e os costumes dos seus moradores. En Moimenta, poboación boirense que limita co termo de Noia, apareceron restos prometedores que invitan a iniciar unha campaña arqueolóxica. O catedrático Ramón Fábregas, directamente implicado, analiza polo miúdo a información que manexan e adianta algunhas teorías sobre o que había en Moimenta fai séculos.

-Na actualidade, ¿existe algún xacemento no territorio galego igual de prometedor que os dous de Moimenta?

-Probablemente non, ou como moito un.

-As catas vanse realizar en puntos estratéxicos segundo o grao de acumulación de fragmentos de cerámica, máis os restos aparecen espallados ao longo doutras zonas. ¿En canto estiman a extensión do perímetro que ocuparía Chan do Cerqueiro?

-Posiblemente arredor de dúas hectáreas.

-Teño entendido que xa destinaron unha partida económica a financiar as tarefas de investigación nesta área, ¿a canto ascende?, ¿sumaranse outras vías de financiamento?

-Non temos asignada para a escavación de Coto de Espiño-Chan do Cerqueiro unha cantidade específica. Si contamos con financiamento a través dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade. Asemade, resulta clave a colaboración do Concello de Boiro, nomeadamente do centro arqueolóxico, en toda unha serie de aspectos, especialmente de tipo loxístico.

-Dende a Universidade de Santiago de Compostela, ¿que valoración se lle está a dar a este descubrimento por parte dos seus compañeiros de facultade e no mundo da arqueoloxía?

-Existe un grande interese, efectivamente, porque esta clase de xacementos aínda son pouco coñecidos polas súas características. Toda unha serie de colegas anunciaron a súa visita en tanto se levan a cabo os traballos.

-Serían unhas valoracións moi prematuras, pero de confirmarse a conexión entre o descubrimento de Coto de Espiño e a concentración de restos de cerámica do terceiro milenio en Chan do Cerqueiro, ¿que datos sociolóxicos poderían extraerse do pobo que viviu nunha edificación destas características?

-Efectivamente, resulta prematuro facer unha valoración deste tipo nesta altura; pero se Coto de Espiño e Chan do Cerqueiro fosen coetáneos, falaríanos dunha poboación que está a buscar un lugar para habitar, que ten unhas características defensivas claras e un excelente dominio visual da contorna.

-Vostede é o descubridor das pinturas rupestres galegas na lucense cova de Eirós, ¿o potencial que garda Moimenta, respecto da hipotética cidadela ou fortificación prehistórica, podería equipararse a ese outro?

-Toda comparación é arriscada, e tamén neste caso. Os achados de arte parietal de Eirós son únicos polo de agora e cunha antigüidade que se remonta a uns dez mil anos cando menos. Nese punto de Moimenta hai evidencias arqueolóxicas que admiten varias interpretacións, unha delas, non necesariamente a máis probable, é que se tratase dunha cidadela do terceiro milenio. De ser isto último constituiría o primeiro caso que se documenta na comunidade galega.

-De tratarse Coto do Espiño dunha atalaia ou estrutura defensiva pertencente ao período histórico, ¿podería ter relación con outras edificacións atopadas na serra do Barbanza no pasado?

-Sen dúbida, na zona de serra do Barbanza existen estruturas de hábitat ou de outra natureza que se encadran xa no período histórico. Sendo isto así, podería ser que no caso de que Coto do Espiño tivese unha cronoloxía histórica e fose parcialmente coetáneo con algunha das construcións detectadas monte arriba. O final trátase de traballar para intentar confirmar que os restos de Moimenta poderían ser coetáneos con outros do alto da serra.

-¿Que percorrido terá o proxecto no que acaba de embarcarse?

-A nosa idea é tentar documentar a ocupación da área serrana ao longo do tempo, enmarcándoa nas modificacións de orde medioambiental que teñen lugar nos últimos miles de anos. Pero as zonas máis altas, a súa ocupación e explotación polos grupos humanos, non poden entenderse sen considerar o que acontece no conxunto da comarca barbancesa.

-En moitos casos, e cando se fai unha actuación nalgún xacemento, co tempo a natureza acaba borrando o feito polo home. ¿Como se pode facer fronte a este feito?

-Calquera xacemento, como calquera obra humana, está sometido á acción destrutora da natureza ou das sociedades humanas posteriores. Se os xacementos, unha vez escavados, non son debidamente protexidos o seu deterioro acelérase exponencialmente. A súa protección deriva da aplicación de medidas de restauración e consolidación pero, igualmente importante, da complicidade e interese das comunidades locais onde os xacementos se emprazan: asociacións de veciños, comunidades de montes, agrupacións culturais, concellos.