A neopicaresca

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

23 abr 2016 . Actualizado a las 05:10 h.

Se Lázaro de Tormes non quixese ser máis listo co cego, non levaría con todo o xerro nos morros, pero daqueles pícaros de antano, algo aprenderon os de hogano.

A primeira vez que Lázaro se perdeu foi cando o cego roubaba as uvas de dúas en dúas, e el, para non ser menos tomábaas de tres en tres. E claro, o vello, cego si pero parvo non, decatouse axiña de que o rapaz estaba sacando máis proveito ca el. Ese día Lázaro soubo da importancia do disimulo mentres enchía o papo, e tamén que debía aprender a poñer voz inocente para protestarlle ó cego por ser tan aproveitado, aínda que el seguise comendo as uvas de tres en tres mentres o outro non o vise. E iso tamén é algo que aprenderon os pícaros de hoxe en día, cando nos sinalan por non pagarlle o IVE ó fontaneiro mentres entre eles se perdoan multas, fraudes e fuxidas de capital.

Esta semana estou repasando os suplementos por ver se realmente existe unha nova novela picaresca, pero non a atopo. Seguramente porque as cousas que aprendemos no instituto sobre as tales novelas xa non se dan agora, os personaxes deixaron de ser mendicantes e moinantes para ser señores de alto standing, social e cultural, que non serven a outro amo, senón que se serven de todos os criados, súbditos e sufraxistas que teñen baixo o seu mantelo. Se os pícaros daquelas historias arrastraban tal condición como unha herdanza de vileza, os novos, educados nas mellores escolas e rodeados de todo tipo de vantaxes sociais e económicas, amosan currículos de envexa e traxes á medida con que humillar ó persoal e contrariar aquela aseveración do Persiles cervantino de que unha onza de boa fama vale máis ca unha libra de perlas, mentres recitan aquilo de «traten otros del gobierno, del mundo y sus monarquías mientras gobiernan mis días mantequillas y pan tierno».

Dime Xulio que a novela picaresca actual está escrita na prensa diaria e en primeira páxina, e se se le sen ánimo ofendido ata é divertida. O malo é que as cousas que nos afectan ó peto da billeteira converten todas esas picarescas en traxedia con final triste e aldraxante para o lector.

Aqueles das novelas de outrora vivían rodeados de xente de mal vivir e pouco fiar, pero estes de titular a catro columnas, moran entre a flor e a nata da sociedade, contrariando aquel consello de don Quíxote para non prezarse de humildes e si de soberbios pecadores. Que se aqueloutros tiveron que afrontar a necesidade, a fame ou a discriminación social, estes agrúpanse en compañas e amizades que lles serven para facer certa a sentencia do Guzmán de Alfarache, que o sangue hérdase pero o vicio apégase.

Aqueles pícaros de antano eran uns pobres buscavidas que, fuxindo dos tronos (como Lázaro se queixaba) daban no raio, pero estes son uns lacazáns a quen (como Cervantes apuntaba no coloquio canino entre Cipión e Berganza) non lles escusa ser de letras para non deixar de ser asnos. Iso si, sempre baixo cuberto e con pararraios.