A lección

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

BARBANZA

12 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Se ata o de agora a opinión da xente sobre a política e os políticos era mala, pode que nestes intres a percepción sexa aíndabastante peor, pero, sen embargo, coido que no decurso deste impasse estamos aprendendo moito, polo que deberiamos concluír que o resultado do 20D foi moi atinado e moi positivo pola didáctica que nos trouxo.

Unha vez máis confírmase que os electores non se trabucan. Son outros os que non atinan. A primeira cuestión a salientar é que, por fin e despois de corenta anos da morte do ditador, están enriba da mesa do debate político as ideoloxías. Os termos centro, centro-dereita, centro-esquerda, extrema dereita, extrema esquerda, etc., e tamén un novo referinte chamado populismo, xa forman parte do noso elenco de termos que serven para definir as consecuencias da gobernanza duns ou doutros.

Por iso coincido cun concelleiro liberal en que a irrupción de Podemos e as súas confluencias no escenario político -por terras galaicas En Marea- foi fundamental, xa que logo, sen este actor, nunca nos decatariamos de certos perigos que nos poden acontecer. E a segunda cuestión está en que a sociedade española aínda segue sendo moi «caudillista», que non é o mesmo que o necesario liderado que se encarna nunha ou varias persoas como garantía de que o prometido será cumprido.

Porque, como escribía o profesor universitario Teun A. van Dijk, a política é unha das esferas sociais nas que as prácticas son exclusivamente discursivas o que fundamenta a cognición política ideoloxicamente fundamentada, e que as ideoloxías políticas son reproducidas nos discursos.