Cidade Barbanza

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

04 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas últimas semanas temos noticia da segunda fusión entre concellos galegos. Desta volta, Cerdedo e Cotobade vanse unir e con eles parece que continúa un proceso que, estou convencido, no futuro terá que avanzar. Cun rural baleirándose, está claro que non se vai poder garantir un bo nivel de servizos coa estrutura administrativa actual. Non só iso, senón que deberiamos reflexionar sobre cal é o papel dos concellos na actualidade. A vida diaria práctica da Galicia actual xa é comarcal, non municipal.

Na nosa bisbarra, unha parella de mozos pode ser de Palmeira e Escarabote, pasean na Pobra, van ao teatro a Ribeira e traballan onde poden, en Xarás, Pobra ou en Rianxo. Segundo veña o vento van a unha praia de Boiro ou a unha de Porto do Son. E os venres ou os sábados de compras a Santiago, claro. ¿Ou non é así?

Así que imaxinen un concello do Barbanza. Eu fíxeno: xuntei datos estatísticos oficiais. Reunindo as comarcas de Barbanza e Noia, por exemplo, a cidade Barbanza disporía de 101.393 habitantes, converténdose no cuarto -si, no cuarto- concello máis poboado de Galicia. Imaxinen a capacidade negociadora que suporía iso e o enorme incremento global do financiamento municipal que concede o Estado cando se superan os 100.000 habitantes.

Cunha estrutura administrativa racionalizada, os beneficios serían evidentes para todos. Agora pensen en frío motivos -non sentimentais ou de interese político persoal- polos cales é mellor a situación actual. Aposto a que temos para levar a cabo un bo debate.