Jacobo Feijoo, enxeñeiro de montes
01 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.No rural imos de sobresalto en sobresalto. Sempre ás présas e por detrás de acontecementos anunciados, pero aos que soemos chegar tarde por falta de previsión da nosa Administración. A Directiva comunitaria que regula o uso sostible dos praguicidas é do ano 2009, e o real decreto de transposición á lexislación de España é do ano 2012. Non obstante chegamos á data límite de aplicación da norma en Galicia, de novembro de 2015, sen facer os deberes. Sen ter previsto que todos os profesionais da agricultura e gandería do noso rural tiñan que contar cun novo carné de aplicador de produtos fitosanitarios, para utilizar, e mesmo mercar, os compostos que se utilizan como tratamentos praguicidas nos invernadoiros, nas hortas, nas froiteiras, nas viñas e nos cultivos en xeral.
Non houbo dende a Xunta unha previsión nin un traslado áxil de información cara os profesionais agrarios, de xeito que tiveramos chegado ao 26 de novembro cos deberes feitos, e cos cursos de capacitación terminados e escalonados. Agora chega a temporada de sementeira, de brotación das viñas, dos tratamentos contra o mildiu, contra a Phytopthora e a Botritis nos invernadeiros, contra os escarabellos das patacas, e chegan as présas por habilitarse.
Cómpre que Medio Rural recupere o tempo perdido, e se habiliten os cursos formativos de xeito áxil e coordinado, para que cando empecen as distintas campañas produtivas, os profesionais poidan facer fronte ao calendario de tratamentos preventivos e á revisión da maquinaria de aplicación, que precisará a partires de agora de pasar unha inspección. En todo caso estaría ben en arbitrar algunha forma de período transitorio, para evitar que empezaran as sancións antes de terse completado a oferta formativa no conxunto do territorio.
A parte positiva é que os profesionais da agricultura, gandería e forestal daremos un paso adiante na nosa formación no uso correcto destes produtos, do tratamento dos envases e residuos que terán o seu circuíto obrigatorio de recollida segura, e melloraremos a seguridade e a prevención nos momentos de aplicar os tratamentos.
Só falta que nos dean as facilidades e os medios para facer as cousas en tempo e prazo. E nesas estamos.