Conocimiento

Víctor Barbeito ARQUEÓLOGO

BARBANZA

Hoxe cando reviramos a vista cara a serra da Barbanza, esta semella ser unha área marxinal, afastada bo bulicio urbano que se asenta ao carón da nosa costa; nembargante, isto non sempre foi así. Houbo épocas nas que o potencial mineiro ou gandeiro fixeron que a zona fose un verdadeiro fervedoiro de xente, que foron deixando a súa pegada aquí e acolá. Esa pegada só é posible recuperala parcialmente con metodoloxía arqueolóxica; ben por ser máis antigos ca escritura, ou ben porque aqueles que escribían a Historia non atendían a vasalos, só loaban batallas, conquistas e rexistraban doazóns e privilexios da aristocracia.

Hai unha parte importante da historia que ninguén contou, e Barbanza pode e debe axudar a escribila. Hai certos períodos polos cales a historia pasa de puntillas, onde a falla de documentos escritos ou restos arqueolóxicos fai que transitemos pola calixe, xurdindo o que se coñece como as épocas escuras. Unha desas épocas é o período comprendido entre a Tardo-Antigüidade e Alta Idade Media (séculos V-X d.C.). Semella que despois da Galicia dos 3.000 castros minguados trala conquista romana, a poboación ensómese de tal maneira que practicamente desaparecen as súas pegadas. Pero a xente vivía mal que ben.

Dende hai uns anos, Barbanza comezou a amosar algunhas ruínas que nos próximos anos e décadas encherán as páxinas da historia, e sobre as épocas escuras caerán os refachos de luz. A luz do coñecemento que é froito da investigación.

Nas próximas semanas resolverase a convocatoria dos plans nacionais de investigación onde a USC volveu apostar por Barbanza, cun proxecto ilusiónante e cabal, que vincula patrimonio cultural e cambio climático, onde se prevé analizar múltiples aspectos, como as dinámicas de ocupación dende o Neolítico ata a Idade Media; a reconstrución paleoambiental, para coñecer como era a cobertura vexetal en distintos momentos; desenvolver protocolos e metodoloxías de actuación ou analizar o xurdimento do hábitat tradicional galego.

Si a Deusa Fortuna está ao noso carón, seguro que nos próximos anos aflorarán centos de páxinas que irradiarán de luz pasaxes que agora permanecen na máis agónica penumbra.