O alcalde de Ribeira vén de afirmar neste medio o fracaso da plataforma turística que no seu momento o concello definiu como «a máis avanzada de Galicia» e mesmo como «pioneira». Moito afirmar de diola. A tremenda plataforma custou a risa de máis de 136.000 euros e non obtivo os resultados que a corporación agardaba. É moi de agradecer que o alcalde asuma que non todo na vida son éxitos ( ten todo o dereito do mundo a trabucarse), pero preocupante a explicación: «démoslle unha ferramenta potentísima ao sector [turístico] que non foi quen de utilizar». A conclusión é preocupante porque desvela a escasa crítica interna sobre como se deseñan e se executan as iniciativas turísticas municipais.
Vou acudir ao título dunha coñecida comedia da TVG: Era Visto. Cando se anunciou o proxecto en 2014, calquera profesional dos contidos e das novas tecnoloxías cun pouco de experiencia, sabía perfectamente que o proxecto ía ser un fracaso. En xeral, a maior parte das iniciativas turísticas da nosa costa, dá igual o partido que as promova, son unha fundideira de cartos públicos sen retorno real. Non hai estratexia continuada no tempo, non hai auditorías posteriores nin profesionais formados. Só modas e pouca imaxinación.
Convénzanse: as webs ou as apps móbiles, o último traga cartos público, tan só son unha canle. Onde hai que investir é nos contidos, nunha boa xestión co sector e na promoción continuada. Imaxinen a Coca-Cola pagándolle máis ao cámara que ao publicista que ten a idea do spot. Pois iso é o que, de algún xeito, se está a facer na comarca. Os cámaras, por suposto, están encantados.