Internet

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

19 ene 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

El NOIA toma la palabra, un gran título da xornalista Marta Gómez acorde co libro de estilo do xornalismo e moi de actualidade, na que todos queren falar e cadanseu do seu. Se as Mareas queren ter voz propia no Congreso que menos que o NOIA tamén cando non suporá incremento do gasto público para os noieses. Pero, ao socairo da irónica crónica de Fran Brea Los plenos, una oferta más de ocio, vou sacar á luz pública unha idea que teño latente no máis fondo do encéfalo dende fai moito tempo: os xornalistas que realizan a información dos plenos deberían ter dereito a percibir as mesmas dietas que os concelleiros.

Pero hoxe, mellor que escribir sobre política, prefiro compartir con vostedes a miña ledicia xa que se van cumprindo algunhas das miñas teimas vertidas nesta ventá e que algúns consideraron estrafalarias. Fai uns días, aquí onde escribo a mil quilómetros de aí, recibín dúas caixas de grelos frescos a rebulir que lle merquei, online, a unha muller que vende no mercado dos sábados en Ribeira. Pode que haxa quen pense que isto é unha frivolidade, pero estou tan mergullado neste tema que cada vez estou máis convencido de que Internet é unha gran oportunidade para o agro galego.

Esta maneira de mercadeo non é un invento de servidor xa que outros «estrafalarios» levan traballando nisto dende fai tempo. Así estou mercando, a prezos populares, carne porcina en Teruel, viño na Rioxa, aceite en Xaén, etc. Por iso quero facer un chamamento aos alcaldes desa bisbarra: promovan, en mancomunidade, dende Rianxo a Carnota, este tipo de plataformas. Seguro que sería un gran acerto.