Far West

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

18 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai noticias que se repiten máis que a cebola. Sabes que no inverno vai haber temporais, perdón, cicloxéneses, sabes que a lotería vai tocar en Alicante e sabes que, chegando o Nadal, os furtivos colapsarán as portadas dos medios da costa e o seu cabreo vai salpicar auga salgada ata os telexornais. Aínda que pasen décadas e nos saian canas, seguiremos asistindo a un espectáculo repetido desde a infancia.

Mariscadoras e pescadores indignados reclamando amparo administrativo, rodas pinchadas, axustes de contas, un garda cun par de pauazos no lombo. Estes días no mesmo porto de Ribeira, baixo potentes farolas, os ladróns levantaron impunes as bolsas de marisco que os pescadores atesouraban para facelas render no Wall Street da lonxa. Normal que a costa acabe convertida nun Far West. Lembrarán esa escena das películas de vaqueiros na que un pobre desgraciado é arrastrado por un cabalo todo o longo da rúa poeirenta. Contáronme que hai pouco fixeron o mesmo cun furtivo que andaba ás navallas, cambiando o cabalo pola planeadora e o chan pola auga da ría.

O mar é algo vizoso de abondo como para que deixen de andar furtivos. E demasiado complexo como para que a solución só proveña da Administración. Seguro que compensa tamén concienciar aos compradores que permiten que haxa este negocio negro, porque o mar non remata na ribeira, senón no resto das economías que viven del. Un selo na porta do negocio que anunciara o compromiso dos establecementos hoteleiros honestos coa economía do mar e a súa sustentabilidade podería ser un bo punto de partida.