Vivimos nun período determinado polos masivos movementos migratorios, o que fai inútil e insolidario seguir concibindo Europa coma un bastión amurallado: non hai arame que deteña aos que foxen da fame, da guerra ou da falta de liberdades. Hai recursos, mais a pericia será saber conducir, ordenar e distribuír esta preamar.
Barbanza, comarca de emigrantes, é hoxe tamén novo fogar para xente con diversas cores, confesións e orixes. Nos centros educativos levamos catro lustros tentando elaborar estas delicadas mantas patchwork multiculturais. Actualmente deberiamos franquear xa o ecuador entre unha pacífica xustaposición e a real integración. Tarefa de todos, dos que veñen e dos que estamos.
Avívaseme a esperanza cando vexo esta nova rapazada xogar ao fútbol con camisetas do Barcelona ou do Celta, ou cando se lles escapa unha «palabrota» en galego. Tamén me entenrece oílos evocar nostálxicos a súa terra, ou cando escachan coa risa ao tentar ensinarme a contar en árabe ou chinés ata dez.
Nunca esquecerei unha rapaza musulmá que, enriba do pano da cabeza, lucía viseira dos Ianquis de Nova York e unha camiseta da Dorna. Podería ser presaxio de que podemos construír a realidade sen prexuízos, libre e flexible.
Unha sociedade que comprenda que a maldade e a bondade nada teñen que ver coas bandeiras, crenzas ou procedencias. Confiemos.