«Barbanza é unha gran descoñecida»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Entende que a carencia de prazas hoteleiras frea o despegue do turismo na comarca

14 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O eido turístico vai, pouco a pouco, abríndose camiño en Barbanza grazas ao esforzo e ao traballos de profesionais como Mari Carmen Ferreirós, que souberon ver un negocio no que era una antiga vivenda a punto de derrubarse, nunha época na que as aldeas eran para os que nacían nelas e non tiñan posibilidades de fuxir ás urbes, e o encanto do rural, tan de moda hoxe en día, non lle atraía a case ninguén. Hoxe, o complexo hostaleiro que rexenta xunto co seu marido no Araño (Rianxo), a Aldea Os Muíños, é un dos referentes da comarca.

Non se imaxinaba nin de lonxe Carmen Ferreirós, hai máis de dúas décadas, cando foi testemuña do proceso de transformación polo que unha vella vivenda se convertía nunha casa de turismo rural, o futuro laboral que lle tiña preparado o destino: «Tiñamos parte dunha finca abandonada, mercamos o resto e investimos alí os nosos aforros, pero nunca pensamos que chegaríamos a vivir da hostalería. De feito, eu pensaba: quen vai querer vir de vacacións a unha aldea?».

Poucos sabían que, por aquel entón, a comezos da década dos noventa, se estaba xestando un movemento que desencadearía no bum do turismo rural, pero esta veciña de Cabo de Cruz e rianxeira de adopción non tardaría en darse conta do acerto da idea empresarial: «Inauguramos a casa un mes de xuño e recibindo xa aos primeiros clientes». A partir de entón, a traxectoria dos Muíños foi sempre en ascenso, e así continúa: «A nosa cabeza non para e penso que o día que non teñamos ladrillos, pedras e cemento na finca chamarei a unha pirotécnica para que veña botar unhas bombas».

Pros e contras do progreso

Carmen Ferreirós lembra os duros comezos, nunha época na que non había a Internet que hoxe rompe fronteiras: «Daquela non existían medios de promoción. A Xunta, a través de Turgalicia, promocionaba e nós esperabamos aos clientes na porta». O sector evolucionou, pero non tanto como quixera a empresaria de Rianxo: «Quedan moitas lagoas en materia de turismo rural, pois ao contrario do que ocorre cos hoteis, aquí non hai cualificacións definidas. Ademais, cada comunidade de España ten as súas normas propias».

Aínda que recoñece que o bum que experimentou o eido do turismo rural foi beneficioso para negocios coma o dela, pois a «a xente de asfalto busca agora, máis que nunca, a tranquilidade do campo», ela é das que pensan que calquera tempo pasado foi mellor: «Eu quédome cos turistas de antes, con aqueles aos que non lles importaba que non houbera cobertura de móbil e que non protestaban pola lentitude de Internet. Quédome cos que vivían e gozaban do rural».

Como amante que é da súa terra, Mari Carmen Ferreirós nunca deixa escapar a oportunidade de explicarlle aos seus clientes as excelencias da comarca, empezando pola gastronomía e rematando por encantos naturais como o parque de Corrubedo, a illa de Sálvora ou a praia de Carragueiros, o seu recuncho preferido, por ser nel onde medrou entre interminables tardes de sol e longas noites de festa con amigos. Pero é consciente de que os agasallos cos que a nai natureza premiou a esta terra non son suficientes para o despegue do eido turístico: «Barbanza é unha gran descoñecida, pero é normal, porque se non hai prazas hoteleiras non pode haber turistas. Por moito que se diga, coas condicións actuais o turismo non pode ser un sector punteiro na zona».

Como experta que é na materia, Carmen Ferreirós pensa que os concellos deberían promover a instalación de hoteis en Barbanza, pero considera que tamén os empresarios do sector terían que estar máis unidos.