O ribeirense está mergullado nun proxecto para recuperar a lenda da illa de Sagres
31 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Mírese como se mire, o territorio barbancés conta con paraxes únicas, capaces de sorprender a propios e a estraños. Hai quen, máis alá de limitarse a empregar os seus ollos para deixarse conquistar pola fermosura de tanta riqueza natural, emprega o obxectivo dunha cámara para inmortalizar estampas únicas. É o caso de Tucho Parada, un veciño de Aguiño moi coñecido en Ribeira e en boa parte de Barbanza pola súa capacidade para sacarlle o lado bo a todo aquilo que se lle pon a tiro.
Aínda que a súa afección pola fotografía comezou hai catro décadas, cando unha enfermidade o obrigou a permanecer unha tempada encerrado na casa, foi hai uns cinco anos, cando lle chegou a hora da xubilación, cando puido dedicarse de cheo a unha paixón que non o abandonou nin nas longas mareas: «Levaba unha cámara para o mar e retrataba todo o que se movía. Teño moitas fotos interesantes daquela época, entre elas, varias coas orcas como protagonistas».
Desde que regresou da última marea, Tucho Parada non deixou de viaxar na procura de fermosas paraxes para fotografar. Distintas zonas de Portugal, O Courel, Os Ancares ou As Médulas foron inmortalizados por este veciño de Aguiño. Paisaxes, plantas, animais... el non se pon límites: «Tírolle a todo, non desperdicio nada». Confésase incapaz de poñerlle un número ás fotos que garda nos seus arquivos persoais: «Nunca se me dou por contalas, pero teñen que ser miles. Só en diapositivas debo ter xa máis de tres mil». Non é raro ver instantáneas asinadas por el. Ten unha páxina en Facebook con case tres mil seguidores, pero as súas imaxes ilustran tamén libros e publicacións diversas: «Nunca lle digo que non a ninguén».
Curtametraxe en marcha
De Barbanza, son poucos os espazos que lle quedan por inmortalizar, pero dous son os que acaparan a súa atención: o parque natural de Corrubedo e a zona costeira de Aguiño. Esta última agocha o xerme do proxecto no que está mergullado actualmente Tucho Parada, unha paraxe que coincide co seu recuncho preferido da comarca: os penedos de Couso e A Graña: «Couso é un museo ao aire libre. Alí cada pedra é unha escultura». Hai unha especial, a coñecida como a pedra do pai de Forcadiña, un dos personaxes da lenda da illa de Sagres, un relato popular que este ribeirense afeccionado á fotografía está tratando de recuperar e poñer en valor coa axuda de varios colegas.
Tucho Parada veu necesario achegar o seu grao de area para perpetuar a auténtica lenda, que xira ao redor da pelexa que tiveron o home de Sagres e o pai de Forcadiña sobre a titularidade da illa, cando se decatou de que en varias publicacións se cometían erros sobre os nomes reais de diferentes recunchos do litoral de Aguiño. Considerou entón que unha curtametraxe podía axudar a aclara o entorto: «Queremos que se conserven os nomes que empregaron os veciños toda a vida e en algúns casos estanse normativizando topónimos que non son os correctos».
Baixo a dirección do artista noiés Delio Sánchez, os traballos para a elaboración desta curta xa están en marcha desde hai meses pero, por mor do mal tempo, foi de momento imposible imaxes imprescindibles, para as que fai falla saír a navegar. Tucho Parada e os seus colaboradores están tamén pendentes de obter financiamento.
Mentres camiña na dirección que desde A Graña lle marca o pai de Forcadiña, o veciño de Aguiño vaise fixando metas cada vez máis ambiciosas. A súa paixón pola arqueoloxía levouno a Exipto e Atenas, pero aínda ten unha espiña cravada: «Quero ir a Numancia». Está convencido de que non tardará en facer realidade este soño.
tucho parada