O día da marmota

Xosé Maneiro DIRECTOR DO IES DE A POBRA

BARBANZA

Cada ano o día do comezo de curso parécese moito a aquela película de Bill Murray na que se erguía no mesmo día unha e outra vez. Pois iso, falta de recursos materiais e humanos, deficiencias nas instalacións, conexión a Internet insuficiente... Son parte da xa ben coñecida rutina de todos os anos, á que este curso se lle engaden dous elementos máis: unha lei, a Lomce, que este curso se pon en marcha en ESO e bacharelato, e as axudas para adquisición de libros, que están a encher ás familias de preocupación e de angustia ante o comezo do novo curso.

Pero coma sempre, dalgún xeito, aquel no que alumnado, familias e profesorado traballan xuntos por unha educación pública libre e de calidade, as cousas funcionarán, as clases irán adiante e as alumnas e alumnos se poñerán a traballar e aprender. A sociedade merece, por fin, unha reforma educativa ben meditada, que recolla ideas de todos os sectores, que teña unha memoria económica que faga posible a súa posta a punto e, sobre todo, acordada. E isto non o poden facer só os políticos. Iso temos que facelo todas e todos, os profesionais en primeiro lugar (mestras e profesores, expertos de pedagoxía e de organización escolar, equipos directivos, psicólogos?), e, como non, os estudantes e as súas familias con eles, sen esquecer a asociacións culturais, deportivas, musicais...

O único camiño que nos queda é atopar puntos en común, buscar e traballar arreo un acordo; socio-político primeiro, profesional despois. Marcar os obxectivos para logo marcar contidos e metodoloxías, así como formas de retroalimentación do sistema, que adapte en cada momento a educación á realidade que vivimos. E todo con calma e sen presas e con previsión. O decreto que aprobaba o currículo de ESO e bacharelato de Galicia saíu publicado só dous días, 48 horas, antes de que comezara o prazo de matrícula nos institutos. A orde que regula as materias de libre configuración autonómicas e o seu currículo foi publicada cinco días despois de que rematara o devandito prazo.

Como estudante vivín un só sistema educativo cunha soa lei, a LGE do 1970. Coma mestre sufrín seis (¡seis, mi madriña!) leis orgánicas que implicaban cambios no sistema educativo: a LODE 1985, Logse 1990, a Lopeg 1995, a LOCE 2002 -paralizada polo seguinte Goberno-, a LOE 2006 e agora a Lomce 2013. Cada unha leva o nome de pila «Lei Orgánica?» e, como non, de primeiro apelido o nome do partido que gobernaba nese momento e que o facía -menos en 1995- en maioría absoluta.

O protagonista de O día da marmota namórase da guapa da película, non sen antes aprender unha chea de cousas; nese momento comeza un novo día e remata o ciclo. Pois iso, xa é hora de que aprendamos e acabemos, entre todos, con esta situación, xa é hora de que comece un novo día.