Unha vintena de avións desta entidade estarán expostos durante o mes de setembro no centro social de Cabo de Cruz
04 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O club de aeromodelismo Furacán de A Pobra cumpriu en abril vinte anos de existencia e, a pesar de que nos últimos tempos non estivo moi operativo, a intención do seu actual presidente, Ricardo Rivas, é volver a facer actividades para recuperalo. Unha das iniciativas que idearon xa pode contemplarse. Dende comezos deste mes, e ata que conclúa, o centro social de Cabo de Cruz acolle unha exposición de avións que contan con tódolos detalles necesarios para ser unha fiel representación dos aparellos reais, pero en miniatura.
-¿Cantos socios conforman o club Furacán?
-Andaremos sobre a vintena, e once temos licenza federativa para poder competir. De feito nas nosas filas contamos cun campión galego na modalidade de hidroavións e outro que foi terceiro no galego de maquetas.
-¿Que se valora neses campionatos?
-Pois no de hidroavións a clave está en que o aparello voe e amare do xeito máis realista posible. No caso das maquetas valóranse todos os detalles que conteña para semellarse ao avión real.
-¿E esta exposición que se fai en Cabo de Cruz é a primeira que organizan?
-Xa fixemos algunha ao aire libre nalgunhas edicións das festas do Nazareno, aínda que si que é a primeira que organizamos baixo cuberto. Este ano temos previsto facer outra durante a celebración do Nazareno.
-¿Que se pode encontrar nesta mostra?
-Hai vinte modelos expostos. Hainos con motor de explosión, que funcionan con gasolina, outros con motores glow (que é unha mestura de combustibles) e tamén eléctricos e de turbina. Poden verse tamén maquetas de avións da Segunda Guerra Mundial, de cazas, de helicópteros, drones ou hidroavións.
-¿É moi laborioso facer estas maquetas?
-Si, hai que facelas [ri]. Montar un modelo normal pode levar ata tres meses se lle dedicas unha ou dúas horas ao día. Nós facemos o deseño e compramos o plano. Despois hai que encargar a madeira de balsa e cortar as pezas, que, ademais, dependendo de cal sexa ten, que ter un grosor ou outro.
-¿Cales son as partes máis delicadas e laboriosas?
-O máis difícil é colocar os motores e axustar o centro de gravidade. Os motores non van dereitos, están inclinados cara abaixo e cara á dereita porque senón o avión non voa recto. O estabilizador e o temón teñen que estar a 90 grados de inclinación, estes axustes que fan que voen ben é o que máis tempo leva.
-¿Onde voan os seus aparellos?
-Non temos un lugar específico para elo. Nós vamos ao antigo espazo para depositar o lixo que hai na Curota. É un problema, porque as pistas para voar homologadas teñen que ter certas medidas e características, e onde o facemos nós moitas veces o terreo está esnaquizado por culpa dos xabarís. Hai que ter coidado porque os modelos grandes non os podes usar se hai xente preto.
Ricardo Rivas: Presidente do club de aeromodelismo Furacán
«O máis difícil é colocar os motores e axustar o centro de gravidade»
«Nas nosas filas contamos cun campión galego na modalidade de hidroavións»