Poboación e emprego

Xoán España DIRECTOR DE AMICOS

BARBANZA

07 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando pasamos por un camiño rural asfaltado, damos una volta por un monte, visitamos un parque natural, un polígono industrial ou recorremos os centros da entidade Amicos podemos ver un letreiro ou cartel que conten o logotipo da Unión Europea xunto coas siglas Feader, acompañadas do seguinte texto: «Europa inviste no rural».

Na nosa área xeográfica, que comprende as comarcas do Barbanza, Noia e O Sar, soamente o grupo de desenvolvemento Deloa financiou durante último período máis de 40 proxectos. Isto supuxo unha contía por riba dos cinco millóns de euros en axudas publicas e unha inversión privada superior aos oito millóns de euros.

No ultimo ano, os municipios da área barbancesa recibiron máis de seis millóns de euros destes fondos, e para o próximo ano se estima que chegará á zona unha cantidade similar.

Os fondos europeos Feader permitiron que durante este período de profunda recesión económica se levaran a acabo proxectos e actuacións que serían impensables nun contexto de crise tan severa como a actual, no que as inversións se viron considerablemente reducidas.

Os fondos Feader invístense directamente nas zonas rurais. Van parar a repoboacións forestais, apertura de pistas e acondicionamento das mesmas, infraestruturas, empresas. Ao mesmo tempo, tamén chegan a moitos particulares con actuacións como a implantación de Internet vía satélite, financiamento de caldeiras de biomasa ou paneis solares para o fogar.

No período 2014 -2020 Galicia disporá de 889 millóns de euros dos fondos europeos Feader. Estes cartos permitiran aumentar a inversión nos núcleos rurais e contribuirán ao desenvolvemento dos mesmos. Deben ser unha ferramenta clave para deixar atrás un período de recesión e crise que nos fixo sufrir moito a todos.

Neste novo período debemos implicarnos moito en conseguir que estes fondos permitan o desenrolo e consolidación de moitos proxectos que fagan posible a xeración de emprego o desenvolvemento rural e a fixación de poboación no rural. Estes son aspectos esenciais para a nosa comunidade.