Emilio Mariño (Noia, 1964), xa sendo neno, demostra as súas aptitudes no traballo da madeira, construíndo os seus propios xoguetes. A partir dos 18 anos dedícase de cheo ao traballo de ebanista na carpintería familiar, buscando dar relevos e formas caprichosas á madeira. Asiste a clases de talla co artesán Fernando Filgueira, que lle proporcionará un gran dominio técnico moi útil para o futuro.
En 1988 realiza a súa primeira exposición colectiva presentando esculturas feitas con madeiras nobres, cuxos deseños figurativos resultaron innovadores.
En maio do 98 realiza a súa primeira exposición individual. Despois de varias visitas ao Museo Reina Sofía, queda impresionado pola obra de Pablo Gargallo e Julio González, que o leva a introducirse no mundo do metal: así, xorden Trazos dinámicos, Equilibrio no espazo e, emanando musicalidade, Notas no ar, esculturas que traballa na fragua, logrando modular de forma caprichosa o ferro incandescente.
Ano frutífero
É 2001 un ano frutífero para Mariño, ao ser seleccionado coa obra, Trazo dinámico nº VII, na VII Mostra Unión Fenosa, e no taller de escultura Pablo Ruiz Picasso, onde ten a sorte de traballar a carón do profesor Martín Chirino, ao que admira polo seu talento e humanidade, e que o anima a seguir traballando co metal.
Segue a investigar na calor da fragua e en técnicas de soldadura, con pezas que dan lugar á serie Argallando no espazo, que expón en Santiago, na Galería EME-C. É seleccionado con Dialogando co vento, na sexta Bienal de Lalín Pintor Laxeiro, e participa tamén no terceiro Certamen Nacional de Escultura Villa de Pinto. Posteriormente realiza a serie Modulacións do plano, onde prega pranchas delgadas con axuda da zafra.
Seleccionado de novo
En 2012 volve ser seleccionado no Taller Pablo Ruiz Picasso, onde se inicia na pintura da man de Carlos León. O colorido aparece na nova produción de obra.
En 2013 obtén a beca da Fundación Otilia Millares: aprendizaxe de técnicas de fundición en bronce.
Na actualidade desenvolve a súa paixón pola escultura, ao realizar tanto obras en madeira coma en metal, buscando sempre novos proxectos que satisfagan as súas inquietudes.