«Gustaríame representar a Agrelo en maio do 2017»

BARBANZA

O noiés leva desde o 2003 montando espectáculos sobre os homenaxeados coas Letras Galegas.<span lang= es-es > </span>
O noiés leva desde o 2003 montando espectáculos sobre os homenaxeados coas Letras Galegas. m. creo< / span>

A relación persoal que ten coa familia do escritor e o coñecemento da súa obra fan que sinta predilección por el

14 abr 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Desde o ano 2003, un artista de Barbanza é o encargado de presentar, de xeito teatralizado, a vida e a obra da persoa distinguida co Día das Letras Galegas nos centros educativos de Galicia. Trátase do noiés Serafín Marcos, que xa está mergullado na preparación do espectáculo sobre o homenaxeado deste ano, Xosé Filgueira Valverde.

-¿Como vai ser ese espectáculo que en breve empezará a circular polos centros educativos de Galicia?

-Pois estou preparando dous espectáculos, pois hai centros que non queren unha peza sobre Filgueira Valverde pola súa implicación política no franquismo, o que xa orixinou certa polémica cando foi elixido pola Real Academia Galega. Para estes colexios, o que farei será unha obra sobre os autores aos que se lle veñen dedicando as Letras Galegas desde o 2003, ano no que eu empecei con esta iniciativa. Para o resto, fago unha montaxe que inclúe unha presentación da figura de Valverde e logo unha adaptación de relatos das súas obras Quintana viva e Abral.

-¿Cantos pases ten previsto levar a cabo?

-O certo é que Galaxia aínda vai empezar agora coa campaña de promoción, pero serán entre 20 e 30, como nos últimos anos. Antes facía máis, pero a crise supuxo un recorte tamén neste eido.

-Na súa inmersión na vida e obra de Filgueira Valverde, ¿atopou algún dato que o sorprendera?

-O que máis me chamou a atención foi a capacidade de traballo de Filgueira Valverde a nivel de libros, estudos, investigacións... Autores homenaxeados outros anos teñen unha obra relativamente curta pero, neste caso, se queres abarcar todo non das feito.

-De todos os autores aos que leva representado desde o 2003, ¿con cal se quedaría?

-Se tivera que elixir, quedaríame con Antón Avilés, pero neste caso non podo ser obxectivo, pois é un escritor que me cadra preto e ao que coñecín. Deixándoo a el a un lado, elixiría a Uxío Novoneyra, pois a súa obra é sinxela e próxima.

-Agora, unha pregunta comprometedora, ¿gustaríalle máis representar a Fabeiro o vindeiro ano ou a Agrelo no 2017?

-Pois non é unha pregunta nada comprometedora. Gustaríame representar a Agrelo en maio do 2017. Pero neste caso tampouco podo ser obxectivo, porque eu a el escoitábao falar con meu pai sendo pequeno. Teño moita relación persoal coa súa familia e coñezo a súa obra.

-¿Que destacaría da súa obra?

-Destacaría o teatro, pois adáptase moi ben ao que eu fago nos centros educativos.

-¿Está preparando algunha gran intervención?

-A que teño en mente é a da planta de follas mortas, pois vendín varias e úrxeme saír á rúa para entregalas. Mentres a planta siga viva, seguirá habendo obra.

-¿Non haberá entón sorpresa este verán?

-De momento, non teño nada para este verán, pero iso non quere dicir que non o vaia haber. Algunhas intervencións xorden sen máis.