Galicia, sitio distinto

Carlos Rodríguez

BARBANZA

Osector do transporte regular de viaxeiros por estrada en Galicia leva anos contemplando con preocupación como o número de usuarios segue descendendo. Sen embargo, situando nun segundo plano os intereses empresariais, falar de problemas de sostenibilidade no ámbito do transporte público implica falar de graves prexuízos para o desenvolvemento social e económico do territorio. E isto son palabras maiores.

O sistema concesional galego está baseado nunha rede de transporte que permite vertebrar un país caracterizado por unha acusada dispersión e unha baixa densidade de poboación onde o criterio de rendibilidade que rexe non está baseado, en moitos dos casos, na fórmula viaxeiros/quilómetros senón no dereito de preferencia do concesionario sobre as rutas de transporte escolar. Isto explica a supervivencia de concesións sen equilibrio económico. É dicir, sen viaxeiros.

¿Por qué entón agora e non antes se lle ven as costuras ó sistema? A paulatina desaparición do devandito dereito de preferencia, no afán de Europa por equiparar legalmente territorios obviando os seus feitos diferenciais, parece ter boa parte de culpa. Pero isto non é todo.

O abandono do rural, o derrube da actividade económica, o desemprego, a desaparición de rutas escolares e, en menor medida as inversións que o recente Plan de Modernización dos Servizos de Transporte está a esixir ás empresas, forman unha tormenta perfecta que está a provocar fortes reestruturacións de servizos..

Chegado este punto cabe preguntarse, ¿ten marxe de recuperación o sistema concesional? Si e non. Explícome. Si en tanto que a súa eficacia é manifestamente mellorable. Resulta incomprensible que hoxe sexa o día en que non existe sincronización horaria entre rutas que permita disociar definitivamente transbordo de espera -desprazamentos de doce quilómetros convértense, nalgún caso, nunha odisea de tres horas-. Como anacrónico resulta que o usuario non teña acceso a información elemental en materia de mobilidade: a existencia de liñas regulares, quen as opera ou a frecuencia. Moito se está tardando en poñer as tecnoloxías ao servizo do viaxeiro informándoo en tempo real de paradas, tempos de espera, destinos ou enlaces.

Tratar de mellorar a velocidade comercial, emitir billetes compartidos, intermodais si conflúen co tren ou dotar os autobuses de conectividade que permita implantar unha oferta de ocio a bordo son medidas que contribuirán ao retorno de viaxeiros. Claro está, sempre que existan viaxeiros aos que atraer. Lamentablemente, a enfermidade da tipoloxía maioritaria das concesións galegas, as de débil tráfico, non vai responder a este tratamento. Sen usuarios e sen outro tipo de contrapartidas económicas para as empresas, as frecuencias languidecerán ata desaparecer.

Corresponde á Administración, pois, a adopción de medidas que posibiliten a existencia duna rede de transporte sustentable. Pero ollo, corremos o risco de acabar pagando con diñeiro público o que ata o de agora lle saía de balde ás arcas públicas. Pero, iso si, a fórmula concesional será dende o punto de vista de Bruxelas legal e igualitariamente impecable.