Mariló Ríos: «Eu apúntome a un bombardeo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

É actriz de Bradomín, toca a pandeireta, está iniciándose na gaita e escribe poemas

14 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Atravesou a barreira dos 60 anos, pero María Dolores Ríos, Mariló para todos os que a coñecen, vive a súa etapa máis activa. Cando pecha a porta da tenda de roupa infantil que rexenta na vila pobrense desde hai máis de tres décadas, transfórmase en actriz da compañía Bradomín, en pandereteira, en escritora e, desde hai un tempo, incluso en gaiteira. A súa afección pola música tradicional lévaa a ser fixa en varios dos seráns que se celebran pola bisbarra, nos que non dubida en arrancarse a cantar, tanto cantigas coñecidas como coplas ideadas por ela mesma.

Di a pobrense que esta afección polo mundo da farándula é legado da súa nai: «Cada vez que había unha celebración ou unha xuntanza familiar, ela cantaba. Non tocaba instrumento algún, pero daba coas mans na mesa e golpeaba unha botella e listo. Acórdome de cantar igual ca de falar». De feito, cando tiña só seis anos, Mariló Ríos xa formaba parte do coro parroquial: «Daquela era o que había porque, se eu tivera as oportunidades que teñen os nenos de hoxe, faría un montón de actividades».

Cando, hai 15 anos, empezaron a darse na vila os primeiros pasos para a constitución do grupo de teatro Bradomín, esta animada veciña non o dubidou: «Anoteime sen pensalo e aí sigo, preparando unha obra detrás de outra». Pero, se tivera que elixir, quedaríase coa música tradicional. Por iso, hai uns catro anos, entrou a formar parte da gran familia da Gandaina para aprender a tocar a pandeireta, aínda que agora está xa experimentando con outros instrumentos: «Empecei coa gaita e, ao principio, era de risa porque eu sopraba por un lado e a gaita ía por outro. Ata me desanimei, pero non podía deixar que unha gaita puidera comigo e agora xa lle vou dando». Non pecha as portas a seguir despois co tambor.

A raíña dos seráns

Os coñecementos que adquire nestas clases, a arte que leva dentro e as gañas de pasalo ben converten a Mariló Ríos na raíña dos seráns tradicionais que se celebran na comarca: «Eu apúntome a un bombardeo e non me fago moito de rogar, cando me piden un par de veces que cante, alá vou. Mentres vexa que hai xente que goza escoitándome, seguirei cantando».

A pobrense asegura que cantar é a súa gran paixón: «Foi o primeiro que fixen e é algo que non tiven que aprender, porque a voz vai con un»; pero acode a calquera chamada festiva: «Agora mesmo estou cos disfraces de entroido para ir aos seráns que hai estes días, para a cea de Amas de Casa e para participar no desfile do martes».

O traballo, os labores da casa, o ximnasio ao que acode tres veces por semana, as longas camiñatas que dá polo litoral da comarca, os ensaios con Bradomín, as clases coa Gandaina e os seráns aínda lle deixan tempo a esta incansable pobrense para escribir. Ten xa varias composicións plasmadas no papel: «Gustaríame publicar un pequeno poemario, dirixido sobre todo aos seráns. Alí todos cantamos practicamente as mesmas cantigas populares, pero penso que poderiamos empregar temas propios». De todos os que ten escritos Mariló Ríos, hai un que destaca: «Serra do Barbanza é a canción que máis canto porque sempre ma piden».

Está claro que alí onde desembarca esta pobrense, a rutina déixalle sitio ao entretemento.

mariló ríos pérez