«A demanda de axuda está practicamente estabilizada»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Aínda que o número de casos atendidos pola agrupación local non medra, é cedo para falar dun cambio na tendencia

15 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano por estas datas, a Cruz Vermella lanza, a nivel xeral, un chamamento á cidadanía. O obxectivo non é outro que incrementar o número de socios e, paralelamente, a parte estable do orzamento da organización, que é a que se obtén coas cotas. Na recta final da súa etapa como presidente agrupación noiesa, que en maio afrontará eleccións, Emilio Insua analiza a situación na que se atopa o colectivo.

-¿En que momento se atopa a agrupación noiesa en canto a número de socios?

-Actualmente estamos preto dos 580 socios, polo que a situación é bastante boa. De todos os xeitos, no marco da campaña a nivel nacional, estase a facer captación para poder levar a cabo programas que non teñen asignación orzamentaria.

-¿Como foi a evolución no número de socios ao longo dos últimos anos?

-Estase a rexistrar un incremento de entre 20 e 30 socios por anos.

-¿Considera que influíu positivamente a crise?

-Pois penso que si que se nota en todos os aspectos que lle afectan á Cruz Vermella, tanto no relativo ao número de socios como nos donativos esporádicos e incluso na cifra de voluntarios.

-¿Como está o número de voluntarios a día de hoxe, hai xente disposta a colaborar?

-Aínda que sempre son ben recibidos, contamos cun número aceptable. A cifra de voluntarios tamén foi medrando nestes últimos anos.

-¿Cales son entón as carencias da agrupación?

-Non me atrevería a dicir que a agrupación ten carencias importantes nestes intres, pero si é certo que precisamos máis socios, pois deles sae a parte máis estable do orzamento.

-¿Percibiron ao longo dos últimos anos un repunte na cifra de familias que recorren á Cruz Vermella?

-Si, claro que si. Empezamos a detectar casos de familias que non podían pagar o recibo da luz, mercar material escolar ou mesmo acceder a produtos de hixiene infantil. Hai uns anos non tiñamos ningún usuario con estas necesidades. Tamén teño que dicir que, despois dunha longa tempada de traxectoria ascendente, nestes intres a demanda de axuda está practicamente estabilizada.

-Pero, ¿é cedo para aventurarse a falar de luz ao final do túnel?

-Por suposto, xa que a situación pode cambiar en calquera momento. Digamos que houbo un parón na liña ascendente que se viña rexistrando, pero ata que non haxa un descenso, non podemos falar de cambio na tendencia.

-¿Que o levou, hai 23 anos, a empezar a colaborar coa Cruz Vermella?

-Aínda eu soe demasiado tópico, o que me moveu e me sigue a mover é a satisfacción que se sinte cando axudas aos demais.

-Pero agora, oito anos despois da súa elección, pensa deixar a presidencia...

-Si, tomarei un descanso. Penso que é necesario que entre xente que poida achegar novas ideas e ilusións.

emilio insua presidente da cruz vermella de noia