Áhora de planificar en Galicia débese ter en conta un territorio disperso, polinuclear e case bicéfalo, que require un esforzo adicional para satisfacer as necesidades de realidades non moi distintas pero contaminadas e alentadas por discursos localistas, que xeran sentimentos nos cidadáns que cominan as decisións políticas, e que resultan máis apaixonados cando falamos de aeroportos.
Lonxe do debate sobre que aeroportos manter e cales suprimir, nos últimos anos presenciamos a realización de infraestruturas sen unha verdadeira estratexia global, sen un plan de mobilidade que cinga todo o noso territorio. Infelizmente, esas obras non responden á verdadeira necesidade de vertebrar un país mediante una malla común, intermodal e que empate os aeroportos con todas as cidades, senón que se limita a conexións locais coas máis próximas.
Á falta dese plan, parece de sentido común que o novo trazado ferroviario do eixo atlántico debera ter previsto o seu paso polas distintas terminais, favorecendo que cidadáns doutras cidades ou bisbarras utilicen os distintos aeródromos en función do seu destino.
Tampouco é preciso ser experto para comprender que se a autoestrada do Atlántico descorre preto de Lavacolla e case arrodea Alvedro, sería moi lóxico dotala de accesos directos sen necesidade de obrigar aos usuarios a entraren en circuítos urbanos, aos que se lles engade tráfico rodado innecesario.
Conectar os nosos aeroportos mediante transporte público é garantía da súa competitividade, eludindo o custo de aparcamento dos automóbiles particulares durante as viaxes. Neste momento, viaxar dende Ribeira ou dende Noia a calquera dos aeródromos é un auténtico viacrucis que, á parte do tempo investido, leva consigo facer varios transbordos. De ter combinado o plan deseñado por Domingo Fontán e o eixo atlántico estivera conectado cos aeroportos, podería aforrar a metade de tempo.
Dá a impresión de que sen un plan de mobilidade, as decisións sobre transporte dependen de propostas derivadas da improvisación, moitas das veces impostas por presións localistas que veñen a repercutir nunha menor eficiencia, menor eficacia e maior gasto público.
Segundo as directrices que establece a Consellería de Ordenación do Territorio, «potenciarase a mellora da accesibilidade dos aeroportos co sistema de cidades, prestando especial atención á intermodalidade con outros modos de transporte», pero a realidade é que en Fomento no deben ler as normas que se ditan no Parlamento Galego. O aeroporto de Porto é o único que conecta coas localidades galegas por medio de autobús, no futuro por tren. As súas estatísticas en pasaxeiros galegos melloran cada ano que pasa.