Setas a esgalla para ver e catar

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Refungando puxo fin ás súas xornadas cunha mostra de máis de oitenta especies de cogomelos e un roteiro de tapas

10 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é doado ver xuntos máis de oitenta exemplares de distintas especies de setas pero onte, no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira, obrábase a milagre. Socios de Refungando e afeccionados á micoloxía contribuían con froitos recollidos ao longo de toda a semana a amosar unha ampla representación dos fungos que se poden atopar na comarca.

Había, sobre todo, cantarelos e boletos, as especies que reinan na zona, pero tamén había exemplares difíciles de ver como a Amanita caesárea, o cogomelos comestible máis exquisito, ou a Anamitas phalloides, o fungo máis perigoso. Chamaba a atención unha enorme Lactarius deliciosus. O presidente de Refungando, Jesús Parada, amosábase satisfeito, tanto con esta exposición como co éxito xeral desta novena edición das xornadas: «Resultaron moi ben tendo en conta que o outono está a ser bastante complicado. En outros lugares nos que había previstas iniciativas similares para este fin de semana optaron por aprazalas, xa que a chuvia está a causar importantes estragos, pero nós atopamos máis fungos do esperado».

Dez establecementos hostaleiros da cidade contribuíron a poñerlle un saboroso colofón a esta experiencia participando nun roteiro de tapas que permitiu aos veciños degustar receitas variadas como bombóns de mexillóns con boletos, pasta con champiñóns e salsa de nata ou faxiñas de polo con níscalos e cantarelos.

Refungando ten fixada para hoxe unha nova cita no Ateneo. Ás 20.30 haberá una nova sesión de identificación de cogomelos.