Veciños e turistas encheron a vila nunha xornada cunha ampla oferta de ocio
26 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Quen onte se achegou a Rianxo para pasar a xornada festiva a bo seguro se atopou nunha encrucillada á hora de escoller cara onde dirixir os seus pasos. A vila rexistrou durante todo o día unha actividade frenética grazas, en boa medida, aos libros e as saborosas xoubiñas da ría.
A praza Castelao é o centro da vida rianxeira, e onte foi tamén o punto que concentrou máis actividade. Aos ateigados postos da Feira do Libro sumáronse diversos actos, como a presentación do libro de María Reimóndez A alternativa está aquí na casa consistorial ou un entretido obradoiro no que os cativos fixeron obras de arte utilizando froitas e hortalizas. Houbo tamén inchables e xogos populares que levaron ata a praza a ducias de cativos e, a uns metros, o colectivo Entreagullas tecía un manto para A Rianxeira mentres a ONG Implicadas daba a coñecer o seu labor na India.
Sen moverse do sitio, a medida que se aproximaba a hora de xantar, do Campo de Arriba comezou a chegar un recendo a peixe e pementos fritidos que invitaba a subir as escaleiras para sumarse a unha nova edición da Festa da Xouba de Rianxo.
Colas para a comida
Foron moitos os que se decidiron por esta opción e, desde ben cedo, formáronse colas para mercar os tiques cos que logo se recollían as racións de empanada, mexillóns e xoubas. Grupos de amigos, parellas novas con cativos, xente maior e mozos compartiron espazo, ben baixo a carpa instalada no Campo de Arriba ou ben á sombra das árbores.
Á agradable temperatura, sumouse a boa organización da festa, que fixo que as racións se serviran rapidamente. Ademais, este ano había doces, licores e cócteles para despois do xantar.
Moi preto de alí, na praza Virxe da Guadalupe, instalouse outra das propostas culturais de onte. A Feira Galega de artesanía organizada pola comisión das Juadalupeñas. Ducias de postos con produtos de todo tipo recibiron a visita de veciños e visitantes durante unha xornada na que Rianxo se encheu ata a bandeira.