Na encrucillada

Rafael G. Guerrero ALCALDE DE NOIA

BARBANZA

03 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

En aparencia Serra do Barbanza atópase no seu mellor momento. A polémica pola suba do canon de Sogama -debido á eliminación das axudas renovables- e os bos datos técnicos converten a Serra do Barbanza nun modelo sostible e integral para os residuos en Galicia, con moitos concellos petando ás portas.

Mais son moitos os problemas existentes provocados pola nosa mala xestión. Quizais o máis grave sexa a nosa debilidade administrativa, como demostra o atraso no cumprimento da obriga para cubrir a praza en propiedade da secretaría-intervención, o abuso de asesorías externas ou brevidade dos mandatos na presidencia. Todo isto fai que a relación coa concesionaria se mova entre a confrontación innecesaria e o regateo, en vez de actuar en función dos intereses da res pública e dos criterios legais que deben rexer a administración local.

A todo isto hai que sumarlle outros problemas como os económicos e a falla dunha estratexia política, como o feito de non aproveitar a situación de debilidade de Sogama e a Xunta de Galicia para recompoñer as relacións que deberan ser de cooperación e non de enfrontamento.

Probablemente os problemas xurídicos e económicos entre Serra do Barbanza e a concesionaria pasen por afrontar un expediente de desequilibrio económico. Unha vez eliminada esta situación xeradora de tantas tensións deberíamos centrarnos en consolidar o proxecto en todos os aspectos e planificar a ampliación da planta de compostaxe.

Pero sobre todo debemos lembrar que da viabilidade do noso proxecto dependen centos de traballadores, 150 persoas que teñen un emprego grazas a este modelo alternativo, a quen poñemos nerviosos e intranquilos coas nosas declaracións estridentes -declaracións onde incluso nós mesmos atacamos á concesionaria polo mesmos datos dos que presumimos e que nos converten en líderes de reciclaxe-; 150 traballadores e a quen en moitos casos vemos como inimigos e que debemos ver como compañeiros e aliados neste esforzo por facer viable a Mancomunidade Serra do Barbanza.