Rito e liberdade

Alberto García TÉCNICO DE CULTURA EN BOIRO

BARBANZA

23 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Averba Entroido, Antroido e aínda outras variantes procede do latín introitus, entrada, comezo do ano ou primavera ou tal vez entrada á coresma. As explicacións das figuras do entroido son múltiples. Autores como Vicente Risco e Bouza Brei que estudaron un dos símbolos do entroido galego -a máscara do peliqueiro- asínanlle orixe prehistórica de sentido máxico e ritual axuntado a prácticas de relixión primitiva.

Outros autores fixan a orixe do entroido nas Sarturnais que se celebraban na Roma antiga, citas estas nas que os señores se vestían coa roupa dos escravos e estes, pola contra, gozaban de liberdade. E diso se trata non? Rito e liberdade. Que maior liberdade que a de poder aparcar a propia condición por unhas horas? A de poder mudar a identidade nun personaxe, nunha máscara.

Esa liberdade non se goza da mesma forma cando se ve o entroido pasar, como un mero espectáculo ao que asistir como simple espectador. Esa liberdade, da que gustan moito os nenos e nenas por certo, gózana especialmente aquelas persoas que se implican na celebración, aquelas que se disfrazan, aquelas que forman murgas e comparsas; as que se rin, cantan e bailan; os que enterran cada domingo de piñata as tristuras das longas invernías mentres arelan unha nova primavera.