As infraestruturas de comunicacións e transportes constitúen un elemento fundamental para o desenvolvemento de Galicia, debido á súa posición xeográfica periférica e á dispersión dos seus asentamentos. Nos últimos anos, a rede de estradas na comunidade foi experimentando un constante incremento na súa lonxitude, pasando dos 15.338 quilómetros existentes no ano 1990 ata os case 17.700 no ano 2012. Na evolución das vías de altas prestacións (VAP) constatouse un incremento parello de máis do 87%, ao pasar de 125 quilómetros en 1990 aos 1.310 da actualidade .
A evolución das infraestruturas en Galicia tamén se concretou na zona do Barbanza. Tanto a autovía que vertebra Arousa norte como o corredor Brión-Noia supoñen novos eixos estratéxicos que permiten falar dun antes e un despois nas comunicacións da comarca.
Loxicamente, a Administración non só ten a obriga de construír estradas, senón tamén de conservalas axeitadamente. Por elo, á hora de priorizar os seus investimentos, a Xunta de Galicia mantén dous criterios claros: rematar as vías de alta capacidade que se atopan en proceso de execución e manter os investimentos destinados á conservación da rede viaria.
O Barbanza é un exemplo claro desta estratexia. Dende o ano 2009, a Axencia Galega de Infraestruturas mobilizou na zona máis de 132 millóns de euros para rematar ou avanzar en grandes obras como o corredor Noia-Santiago ou a propia variante de Noia. Ademais dese importe, case 32 millóns de euros foron investidos na conservación das estradas.
Este esforzo vai ter continuidade ao longo de 2014, ano no que se mobilizarán novas actuacións de conservación extraordinaria que suman case 3 millóns de euros en actuacións como a reparación do viaduto de Ceilán e traballos de reforzo do firme en diferentes zonas da comarca.
Todos estes datos poñen de manifesto que a Xunta vela polo bo estado das estradas de titularidade autonómica. Certamente, non podemos evitar que circunstancias puntuais como as duras inclemencias meteorolóxicas que estamos a vivir este inverno produzan desperfectos no firme ou nas estruturas dos viais. Estes feitos non se rexistran por abandono ou desidia por parte da Administración. Ao contrario, ao que nos obrigan é a aumentar os esforzos por acometer as necesarias reparacións coa máxima axilidade, tal e como estamos a facer nestes momentos na estrada Muros-Carnota. Como digo, é a nosa obriga, pero tamén é o noso compromiso coa seguridade dos usuarios.