O pobrense amosa no Amanitas a súa primeira exposición
24 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.O pobrense Manuel Rial fai bo o dito de que nunca é tarde se existen gañas e ilusión. A el sempre lle gustou a pintura, pero non foi ata hai uns oito anos cando se animou a tomar en serio esta afección acudindo a clases. Agora, a piques de cumprir os 62, decidiu amosar unha selección dos seus óleos, montando unha exposición no bar Amanitas.
-¿Que poden ver os veciños nesta exposición?
-É unha colección de óleos nos que se reflicten paisaxes urbanos. Elixín dez cadros. Tres son de Santiago, que penso que son os máis destacables, e logo tamén hai unha vista dunha rúa que vai dar ao museo Valle-Inclán da Pobra e unha panorámica dunha descarga no peirao da localidade.
-¿Como se animou a montar esta a súa primeira exposición?
-Como afeccionado que son, de cando en vez amoso algún cadro na ferretería que teño. Foi o propietario do Amanitas, José Rivas, o que me propuxo montar a exposición no seu local e a min pareceume boa idea. Faime ilusión amosar o meu traballo.
-¿Desde cando ten vostede esta afección?
-A pintura gustoume desde sempre. Xa cando estaba estudando en Madrid acudía con frecuencia ao museo do Prado. Daquela, pola miña conta, facía algún que outro debuxo e pintaba cadros. Despois deixeino un tempo e hai pouco máis dunha década, volvín a pintar.
-¿Como deu o paso de acudir a clases de pintura?
-Pois foi un amigo meu que está xubilado o que, falando un día, me comentou que ía a clases de pintura para pasar o tempo. A min a idea chamoume a atención desde o primeiro momento e, cando me propuxo ir para probar, aceptei. Desde aquela deberon pasar xa uns oito anos.
-¿Cales son as estampas que lle gusta plasmar no lenzo?
-Sempre me gustou a pintura realista. Un día fago unha paisaxe; outro, unha mariña; e outro, un mercadillo con xente. Vou pouco a pouco e non teño unha temática definida. Vou vendo fotografías e elixindo o que me interesa.
-¿Hai algo que lle gustaría pintar e aínda non tivo a oportunidade?
-Hai cuestións que xa non intento porque considero que son moi complicadas e, insisto, eu son só un afeccionado. Falo, por exemplo, do retrato. Eu vou indo pouco a pouco. Si é certo que me decanto por temas locais e cercanos. Se decido facer unha mariña, pois elixo unha de Rianxo ou da Pobra, porque as coñezo.
-¿É dos que pensa que calquera pode pintar se ten interese?
-En principio, si. Eu penso que calquera pode pintar, pero tendo unha base, unhas determinadas cualidades. Recoñezo que a min lévame moito tempo rematar un cadro, non teño práctica nin soltura; pero, sempre desde a modestia, si que tiña unhas cualidades mínimas. Sempre destaquei no debuxo.
-Pero, ¿coincidirá en que nunca é tarde para facer dunha actividade artística unha afección?
-Eu vou cumprir 62 anos e, aínda que pintara algo no pasado, nunca me tomara isto tan en serio como cando empecei a ir á clases a Taragoña. Nunca é tarde para pintar. O obxectivo é gozar e pasalo ben. Sempre e cando un teña gañar, por que non, ao fin e ao cabo, é un xeito máis de pasar o tempo.
manuel rial otero pintor afeccionado