Suso o Ruidoso e o Poeta Boca Chea encheron Ribeira de música e versos

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

A presentación do disco «A cuadrilla da fonte navegante» converteuse nunha festa

29 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Moitos non saberán de quen lles falan cando nomean a Suso o Ruidoso e ao Poeta Boca Chea, ou a Bolboreta, ou á Bruxa Brúxula, ou a Mirada Esperanza. En cambio, as ducias de cativos, e outros tantos maiores, que onte asistiron á presentación do disco A cuadrilla da fonte navegante en Ribeira saben de sobra de quen estamos a falar: dos personaxes que forman parte deste traballo no que a rima e a música se transforman nunha verdadeira festa.

Suso Bello vén sendo o Ruidoso e Santi Páramo, o poeta que, coa axuda dun grupo tan amplo coma dispar, deron forma a unha ducia de cancións feitas en Ribeira por ribeirenses. E nas que se reivindican tanto as letras, principalmente as galegas, coma o son. De feito, a presentación que onte acolleu o Círculo Mercantil de Santa Uxía foi toda unha lección dos diferentes estilos musicais.

«O bonito das cancións é cantalas todos xuntos para que queden para sempre», afirma Suso Bello, de xeito que no concerto teatralizado que ofreceron onte os cativos tiveron que cantar, e tamén bailaron, xogaron entre nas mesas desde as que os seus pais seguían o espectáculo, brincaron e deron palmas. E todo iso, non só para que os nenos se divertiran, senón tamén para que aprenderan a seguir coas súas mans o ritmo de cada canción.

Todos os estilos

A tarefa non era sinxela, xa que o repertorio de A cuadrilla da fonte navegante é do máis variado e ten dende sons de muiñeira ou folk ata rock and roll, chachachá ou hip hop. De feito, foron precisamente os versos da canción dedicada ao Poeta Boca Chea os que tomaron forma de rap. En definitiva, «músicas do mundo» son as que recolle este novo traballo discográfico, xurdido a raíz dunha obra de teatro do propio Santi Páramo e no que Bello e a súa «tropa» se encargan da música.

E con tanta variedade de ritmos, non é de estrañar que a presentación deste cedé se convertera nunha festa na que tamén os maiores gozaron con tanto artista sobre o escenario. De feito, xa un dos personaxes advertiu de que o disco é para todas as idades, «de 0 a 99 anos», e tamén o cartel de promoción invita a escoitalo aos maiores de 18 «para que non morra o neno que levas dentro».