Un modelo eficiente é posible

Xosé Luís García PRESIDENTE DE SERRA DO BARBANZA Y ALCALDE DE BRIÓN

BARBANZA

O17 de decembro de 1997 botaba a andar oficialmente a Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza. Nacía este proxecto do compromiso dun reducido grupo de concellos pequenos que nun exercicio responsábel das súas competencias optaron por implantar un sistema respectuoso co medio ambiente que prioriza a redución da produción dos residuos, a súa recollida selectiva en camións bicompartimentados e o seu tratamento por reciclaxe e compostaxe da materia orgánica e que procura non enterrar no vertedoiro máis alá dun 30% de rexeites, é dicir, de residuos recollidos que non admiten, polo de agora, a súa reciclaxe. Este sistema, que nós consideramos complementario dos demais sistemas que operan en Galicia, desenvólvese actualmente no ámbito dos Concellos de Ames, Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Rois.

Pero si de algo nos sentimos orgullosos hoxe, ademais de ter posto en marcha un sistema modélico de xestión do lixo, é dos resultados obtidos que demostran que o complexo medioambiental da Mancomunidade Serra do Barbanza é «a instalación que recupera mais material por habitante en España, considerando todas as plantas de tratamento do sistema orgánico-inorgánico» segundo o certificado expedido por Ecoembes coa data do 21 de xullo de 2010 e que confirma que con responsabilidade, determinación e esforzo, uns pequenos concellos galegos podemos distinguirnos no contexto español pola eficiencia dos nosos resultados. Acabamos de escoitar que o conselleiro de Medio Ambiente facía no Parlamento unha chamada aos restantes grupos para buscar unha solución de consenso que resolvera o grave problema que xera a recollida e tratamento de residuos en Galicia. Dende Serra do Barbanza felicitamos ao conselleiro pola súa chamada, se é sincera, e animamos aos restantes grupos políticos a participar nun proxecto de consenso, non excluínte, que faga da redución da produción de residuos, da súa reutilización, da súa recollida selectiva e do seu tratamento por reciclaxe e compostaxe da materia orgánica un modelo de xestión do que se poidan sentir orgullosos os nosos fillos e Galicia enteira. Nós sabemos que é posíbel porque xa estamos no camiño. Ánimo.