«A nivel sindical estamos en cueiros, case como no 1975»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

09 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Antonio Santamaría

Sindicalista xubilado

60 anos

Recuncho

O muelle vello da Pobra, «desde onde vexo o movementos dos barcos de bateeiros e mariscadores»

Sempre lle gustou pasear pola beira do mar ou, sinxelamente, ficar quedo ollando para un horizonte no que auga e ceo parecen estar unidos pero, desde hai un tempo, Antonio Santamaría ten máis tempo que nunca para esta e outras afeccións. A súa longa traxectoria como sindicalista de UXT ven de rematar e dar paso á etapa dourada da xubilación. Desde entón, o muelle vello da Pobra consolidouse coma o seu recuncho preferido: «A partir de maio empezarei a ir á pedra redonda da Corna pero, agora no inverno, gústame achegarme ao peirao e ver como saen e regresan os barcos dos bateeiros e dos mariscadores».

O movemento que atisba desde o muelle lémbralle o seu paso pola Marina Mercante. Foi na súa etapa de mariñeiro, que durou quince anos, cando Santamaría empezou a darlle forma ás inquedanzas que desde facía tempo tiña en materia de reivindicación dos dereitos laborais. Corría o ano 1982 cando este pobrense e outros dezaseis compañeiros de traballo se plantaron: «Negámonos a entrar no Golfo Pérsico, onde estalara a guerra. Non foi por medo, porque nos mandaron ir argumentando que o petróleo era un produto de primeira necesidade para España». Empezou entón unha loita que culminou cando Santamaría e os seus aliados conseguiran que se recoñecera a voluntariedade dos mariñeiros a entrar en zona conflitivas.

Etapa dourada

O veciña da Pobra tiña xa o gusanillo da loita sindical metido no corpo e, desde entón, no foi quen de apartalo. De feito, aproveitou unhas vacacións para botar unha man na oficina que UGT tiña en Ribeira. Este xesto foi suficiente para que o sindicato quixera contar con el de forma permanente: «UXT estaba abandonada e eu quería darlle servizo aos afiliados, asesoralos e dicirlles que había outras alternativas á de dicirlle a todo que si ao empresario».

Os convenios colectivos de concellos como Boiro e A Pobra ou de grandes empresas como a actual Urbaser son algúns dos logros que lembra Antonio Santamaría, nunha época que non dubida en cualificar como moi frutífera: «O meu obxectivo era facer de UXT a primeira forma sindical da comarca e conseguímolo».

Pero este, coma o resto de sindicatos, tocaron teito cara o 2007. A irrupción da crise económica marcou un punto e aparte na traxectoria das centrais, alentado polo retroceso dos dereitos laborais. O pobrense nunca viviu unha situación tan desalentadora como a actual: «A nivel sindical estamos en cueiros, case como no ano 1975». Como dato apunta o salario mínimo: «Daquela eran 40.000 pesetas, que penso que rendían máis que os 600 euros de hoxe».

Para remontar o voo, o sindicalista considera imprescindible o descenso da taxa de desemprego: «Ten que baixar o paro, polo menos, un 50% e, a partir de aí poderase empezar a retomar a cuestión».

barbanceses no seu recuncho antonio santamaría