Mariño Blanco estréase como escritor con Barbantia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

O sonense acaba de publicar «Big five», o relato co que gañou o concurso de contos de Caldas no ano 2011

08 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O labor cultural que está levando a cabo Barbantia non se limita a promover presentacións literarias. En ocasións, a asociación toma a iniciativa e serve de trampolín para que novos autores vexan publicadas as súas obras. Isto foi precisamente o que ocorreu co veciño de Portosín Manuel Mariño Blanco, que ven de estrearse como escritor. Presentou na noite do venres Big five, un relato co que gañara o concurso de contos de Caldas de Reis no 2011, pero que non chegara a ver a luz.

Este primeiro traballo do veciño de San Sadurniño de Goiáns é un alegato en defensa dos animais. Este aspecto do relato foi destacado por Aurora Marco, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, que estivo arroupando o autor na súa estrea. A mestra lembrou a importancia de preservar o medio ambiente e insistiu na necesidade de que os cidadáns se sensibilice coa problemática do maltrato animal. Cualificou o relato de Mariño Blanco de «áxil e ben levado».

Foi o propio escritor o que afondou na trama do relato, explicando que a idea se lle ocorreu no transcurso dun voo procedente de Sudáfrica, escoitando unha conversa entre dous cazadores, un dos cales tiña como ilusión matar un gorila. Manuel Mariño tamén se referiu á «desgraza da eliminación dos lobos da serra do Barbanza pola presión de cazadores e gandeiros, axudada pola manipulación da opinión pública por parte da Xunta».

No acto de presentación de Big five, unha obra que se completa coas ilustracións de Nacho Costa Beiro, tamén estivo o concelleiro de Medio Ambiente de Porto do Son, Antonio Romero, quen agradeceu ao autor a mensaxe que lanza sobre a protección do medio natural e a defensa dos animais.