Fina Cancelo vén de pór en marcha un negocio co que quere demostrar que calidade e bo prezo non son incompatibles
19 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Hai apenas dúas semanas que botou a andar en Boiro un novo negocio de alimentos delicatesen, Nova Alimentación. Fina Cancelo é a súa responsable e, pese ao complicado momento económico, está disposta a tirar para diante e demostrar que un produto de calidade non ten por que ser, necesariamente, caro. Conta coa experiencia dun negocio similar que tivo aberto en Santiago durante un par de anos e agora proba sorte no polígono de Espiñeira.
-¿Que tipo de produtos ofrecen en Nova Alimentación?
-Temos un pouco de todo, desde licores, viños de Rioja, Ribera del Duero e albariño, xenebras, xamóns de Guijuelo, embutidos de calidade, aceites, conservas... Son os produtos que máis saída teñen. Logo temos outro tipo de delicatesen, coma purés de castaña e guarnición de cirola para acompañar carnes, e, por suposto, o conxelado, que é o noso forte.
-¿Que os levou a crear un negocio deste tipo en Boiro?
-Foi un pouco para aproveitar as instalacións que temos no polígono. Levamos anos dedicados á distribución de conxelados e outros produtos a restaurantes e adaptamos un espazo na nave para montar a tenda. A mercancía, se non se mostra, non se vende.
-¿Non é un pouco aventureiro embarcarse nun novo negocio neste momento?
-Precisamente porque aproveitamos as instalacións que xa tiñamos non tivemos que investir, xa se arriscou bastante no seu momento. A maioría dos produtos que vendemos teñen saída a través da hostalería, así que nunca tes perda, non gañarás moito, pero tampouco perdes, que é do que se trata neste momento.
-¿Hai mercado para este tipo de produtos?
-De momento levamos dúas semanas abertos, pero non estou descontenta. Tamén é certo que hai xente que xa nos coñecía, pero tiven varios encargos de cestas de Nadal.
-Entón esta é unha boa época para este tipo de negocios.
-Esperemos que si, e que se vaia notando máis de cara á fin de semana. Evidentemente, non se vende o que se vendería un Nadal normal hai cinco ou seis anos.
-Neste momento, ¿a xente antepón o prezo á calidade?
-Que esta sexa unha tenda de boa calidade non quere dicir que non teña bos prezos. Temos viños de 5, 7, 11 euros... Hai variedade para elixir desde os tres aos cen euros. Está claro que estamos nun momento delicado e non todo o mundo poderá gastar 4 euros nunha lata de conserva, pero para facer un regalo é asequible. Temos prezos para todos os públicos.
-¿Cal é o sinal de identidade dos seus produtos?
-O que nós ofrecemos é un produto de confianza, o que vendemos consumímolo nós e estamos moi encima para que non baixe a calidade. Non nos interesa perder clientes fixos, por iso, no caso dos conxelados, os nosos compradores saben o que levan.
Fina Cancelo CARO PROPIETARIA DE nOVA Alimentación
«Que esta sexa unha tenda de boa calidade non quere dicir que non teña bos prezos»
«Claro que non se vende o que se vendería un Nadal normal hai cinco ou seis anos»