«A Voz de Barbantia está acadando altas cotas de calidade»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O coordinador do suplemento fala da asociación e o recompilatorio

09 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe ponse á venda o terceiro recompilatorio de A Voz de Barbantia, o suplemento que cada fin de mes chega aos lectores a través das páxinas de La Voz. Aproveitando este feito, un dos máximos responsables de que a publicación vexa a luz fala da cultura, da asociación Barbantia, de recortes e do futuro, un horizonte no que o talento dos creadores barbanceses seguirá a estar moi presente.

-Van xa polo terceiro recompilatorio, ¿satisfeito co resultado?

-Moitísimo, penso que A Voz de Barbantia vai acadando altas cotas de calidade. Tecnicamente, a publicación é fantástica, houbo un cambio no formato e a calidade de imaxe é maior. E os contidos tamén están a mellorar, están máis revisados, unha das cuestións que está mellorando ostensiblemente é a corrección lingüística.

-¿Resulta moi complicado sacar adiante o suplemento?

-É traballoso, pero temos un gran equipo de colaboradores. Sempre hai urxencias, présas de última hora, incluso ten pasado que unha colaboración non chegue a tempo, pero contamos con xente moi preparada e sempre hai alguén que pode suplir ese traballo. Hai recursos humanos para saír de calquera situación. O equipo que traballa en Barbantia é excepcional.