Un canto á Galicia de todos

Ribeira arroupou a nova creación literaria de José Vicente Domínguez


RIBEIRA / LA VOZ

O Auditorio Municipal de Ribeira, e concretamente o seu salón, é un deses espazos que mete medo á hora de celebrar un acto público, e máis aínda se falamos da presentación dun libro, pois ten unha capacidade dunhas trescentas persoas de xeito que é moi fácil ver máis butacas azuis que cabezas. O palmeirense José Vicente Domínguez atreveuse a elixir ese escenario para presentar o seu sétimo libro, Veroto el romano. El nacimiento de Galicia, título que pode levar a pensar que se trata dun ensaio histórico. Nin unha cousa nin a outra: o auditorio rexistrou un cheo de persoas e o libro é unha novela que se le a gusto, segundo confirmaron os que falaron.

En realidade, nada do que pasou na estrea desta nova creación de José Vicente Domínguez en Ribeira era esperado. As sorpresas foron sucedéndose. A primeira, a ambientación: O público, na escuridade; e o escenario, decorado segundo o contido da novela cun uniforme romano, a simulación dun castro e, tralos seus muros, a bandeira galega, coa luz de velas e candís colaborando. A segunda, a extraordinaria actuación musical a cargo de Enrique Paisal, ao órgano, e a soprano Esperanza Mara, coa brillante interpretación de temas como Negra sombra ou María Soliña.

A terceira parte lonxe do común foron as intervencións. Todas elas poden encadrarse no enunciado deste artigo, un canto á Galicia de todos que reiteraron por orde desde o editor da obra, José Luis Teófilo, ata o escritor Alfredo Conde, o propio autor José Vicente Domínguez e tamén o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas.

Historia e amor

E esa alusión á unidade non era casual, porque o libro, segundo se puxo de manifesto, ten moito desa mensaxe. Na trama mestúrase historia, amor e o orgullo de ser galego. José Vicente Domínguez buscou nas orixes de Barbanza, que son tamén as de Galicia, para elaborar unha creación que emprega o pasado para dar pistas de por onde debe vir futuro. Fala de como aqueles celtas que habitaban os castros de Baroña, Neixón ou Alobre, que en principio loitaban para protexer os seus territorios, foron quen de unirse para facerlle fronte aos romanos que viñeran a Galicia na busca do ouro.

O autor consegue plasmar a historia de forma amena, porque emprega feitos investigados e dálle un toque novelístico que fai de Veroto el romano. El nacimiento de Galicia unha obra entretida e digna ler, como explicou Alfredo Conde, quen sinalou que a mellor maneira de que os mozos aprendan a historia de verdade é elaborando creacións como a que se presentaba o sábado pola noite en Ribeira.

O alcalde, Manuel Ruiz, pechou o acto destacando as calidades de José Vicente Domínguez, do que dixo que, a pesares das diferenzas políticas, sempre mantivo con el unha cordial amizade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

Un canto á Galicia de todos