Converter a natureza en museo

José Carlos Vidal

BARBANZA

28 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Ahibridación de lobo e can é moi rara, tan rara que nos poucos sitios onde se deu e mantivo unha poboación estable -Eslovaquia, Italia ou Estados Unidos- está protexida. Os que coñecen a serra do Barbanza saben que se hai lobos é case un milagre, dada a presión do medio -estradas, multitude de camiños e núcleos de poboación, montes valados ou presenza do home-. Unha especie coma o lobo, necesitada de grandes espazos para sobrevivir, é practicamente imposible que poida facelo nun medio tan alterado como é Barbanza. A natureza é continua evolución, e a evolución é hibridación; as especies adáptanse ao medio. Se son certos os datos da Xunta sobre a existencia dunha poboación de 16 individuos de híbrido de lobo no Barbanza, estariamos asistindo á aparición dunha especie nova que, en vez de exterminar, deberiamos protexer. E digo conscientemente especie, porque este caso respondería á definición propia da palabra: «Grupo de organismos capaces de entrecruzarse e producir unha descendencia fértil».

¿Non resulta estraño que en Galicia queiramos exterminalos a toda costa, mentres noutros lugares se protexe?, ¿Sería ético ou ecolóxico manter unha especie, neste caso o lobo, nunha urna ou nicho, coma se fose obxecto de museo?, ¿Non é paradoxal que aqueles que máis defenden os intereses da natureza e a conservación das especies, sexan contrarios á aparición doutras novas?, ¿Acaso a natureza non é evolución e cambio?. O noso antropocentrismo lévanos a intervir, supervisar, consentir ou xogar a ser os donos dun planeta do que tan só somos inquilinos. Cada vez as actuacións serán máis agresivas, ata que ao final conservemos só pequenos núcleos illados de especies. A este paso, non imos tardar moito en converter a natureza nun museo.