O caso é que o meu amigo Rodri, con 29 anos de vida, unha esposa operaria subcontratada nunha fábrica de conservas e un fillo de 4 anos, ingresa algo máis de mil euros cada mes. A súa vida é tan sinxela que se resume en cumprir co seu traballo, pagar catrocentos euros de hipoteca a corenta anos vista e desfrutar da familia o máis posible.
Algunha vez pensou en ir pola parelliña, pero coa cartilla do banco na man decátase de que os nenos saen caros, por moitas axudas á natalidade que lle dean, mentres a farmacia se fai rica vendendo anticonceptivos para parellas en crise. Unha ou dúas veces por semana vai tomar unha cervexa despois do traballo, un luxo para o que ten que remexer nos petos ata atopar o euro cincuenta que aforra desde que deixou de fumar para saírlle máis barato á Seguridade Social. Aínda así, Rodri pódese permitir o luxo de ir ó cine cada quince ou vinte días, e moi de raro en vez tamén sae cuns amigos a cear nalgún chino. En fin, que o home non ten moitos problemas porque tampouco ten grandes vicios, e agradece que os sogros se encarguen de levarlle o neno á escola, aforrándolle unha pasta en gardería, porque os horarios de traballo dos currantes e dos mestres non cadran; e tamén que llo recollan, pola mesma razón, e que lle dean a merenda e ata a cea as moitas veces que eles teñen que quedar a facer horas extra que logo lle pagan cunha ponte por Nadal.
Sen embargo, Rodri envexa a seu pai e a seu sogro (envexa sen odio, evidentemente), dous xubilados que teñen todo o día para malcriarlle ó cativo, mentres que el, por razóns laborais, só pode gozar do seu renteno na fin de semana. Envéxaos, porque teñen todo feito e a el, o soldo que lle entra na casa váiselle en pagos e gastos en seguros de todo tipo por se as moscas, ademais desas caralladas que nunca faltan antes da fin de mes. Non se ofendan os maiores, pero tamén os envexa porque antes dos sesenta retiráronse cunha pensión de case o dobre do que el gaña, teñen desconto no cine, no teatro, no estadio e no transporte público, e aínda lle subvencionan viaxes polo Inserso a onde eles queiran ir, de onde volven cargados de galanos para o neto, para que non lle falte a playstation nin o monopatín con rodas cerámicas. E envéxaos porque o seu propio fillo quérelle máis ós avós que a el, porque os vellos cúmprenlle todos os caprichos.
Envéxaos e a envexa dálle dor de cabeza, pois cando non é o euribor que sube e encarece a hipoteca é algunha avaría que suma gastos, e a maiores, cando vai á farmacia, con receita médica, a por unhas aspirinas para combater esa xaqueca que lle dá ter tantas preocupacións, cóbranlle unha porcentaxe, a pesar de cotizar para a Seguridade Social, e entón decátase de que seu pai, que bota a partida co médico do ambulatorio, pode sacarlle ata os anticonceptivos coa súa tarxeta de pensionista.
E agora, cando xa leva dúas aspirinas e a dor de cabeza deste sábado non lle dá pasado, véñenlle falando do pago compartido, de que se queda no paro non ten dereito a nada e doutras alarmas poselectorais que só pretenden diminuír o xa devalado estado de benestar, como se a culpa da crise fose dos currantes por espremer a súa nómina para ter médico e ensino asegurado.