Rebordelo

ISABEL SANTOS

BARBANZA

O quercus robur ou carballo ten dado orixe a numerosos nomes de lugar nas nosas parroquias e nas freguesías portuguesas, malia que a variedade arbórea á que alude non ten hoxe a mesma presenza que noutras épocas. Reboredo (do latín roboretum «abundante en carballos») e Rebordelo (o seu diminutivo) son testemuños arcaicos e medievais, non só da riqueza en carballos, senón tamén da importancia outorgada á vexetación por parte do noso pobo.

Un pequeno núcleo no concello de Boiro, despois de Barraña e cara a Cabo de Cruz, chámase Rebordelo. Non sabemos se recibe o nome dun conxunto modesto destas árbores mencionadas, ou se foi contaxiado pola afectividade que desprenden os lugares próximos: O Saltiño e Cariño. Quen olla o mundo nesta ventá, a Enseada de Boiro, na praia de Rebordelo, non precisa nin de máis espazo nin de máis agarimo.