Despois de ver como nunha audiencia concedida polas Súas Maxestades cada quen tiña unha maneira propia de interpretar o protocolo, lembreime de mi tía María queixándose de que agora a xente xa non ten respecto por nada, xa ninguén se axeonlla nin na misa cando levantan a El Señor. E se non se axeonllan diante de tan alta divindade que non van facer diante duns personaxes de papel cuché.
As razóns de mi tía comprobeinas estoutro día cando un tipo que non usaba garabata, ó saudar a El Rei, sen nin sequera inclinar a cabeza, limitouse a chocarlle a man coma quen saúda a un veciño nun centro comercial. Para mi tía María xa se perdeu a pouca educación que nos quedaba, os rapaces non portan polos profesores e os mozos non portan polos vellos. Á monarquía atúase e do Papa cóntanse chistes verdes con irlandeses louros coma anxiños. ¿Onde van aqueles tempos nos que a autoridade era respectada e a inclinación do espiñazo estaba protocolariamente marcada con chumbada e goniómetro segundo a categoría dos persoeiros?. Contra mi tía María discute o meu sobriño Riki, que xa está ben de acatamento como se uns fósemos cidadáns de primeira e outros de segunda. E eu, no medio, calo. Uns teñen razón e ós outros non lles falta, só que ás veces, a razón de cada un pretende converterse en lei e norma sen consenso, e aí é onde se produce ese choque de trens xeracionais que, por outra banda, non é novo. As revistas a toda cor esfórzanse por manter as categorías mentres as novas de cada día nos fan renegar de condes, marqueses e conselleiros.
Só hai que oír os contos tradicionais para ver como esa disputa entre vellos e mozos vén de sempre, e no longo abano que podemos ver nun simple bicamáns, non todos se inclinan igual diante das Súas Maxestades por moi honorables que sexan uns e outros; a arcaica norma que herdamos desde moito antes dos babilonios, de axeonllarse diante de certas divinizadas autoridades, non se acata por igual entre os adustos persoeiros do Congreso, segundo ocupen asento á dereita, á esquerda, máis arriba ou máis abaixo, pásana por alto os científicos e catedráticos que teñen máis en que pensar ca no ángulo de xenuflexión, e esaxérana os requintados amos do tesouro nacional, económico e laboral. Non sería de estrañar que alguén viñese a propoñer que os novos textos escolares, para ben educar ós alumnos, poñan exercicios do tipo de canto debe de separarse dun monarca un paisano de un metro oitenta para que, ó saudalo, garde a compostura cun ángulo de corenta e cinco graos de inclinación. A ver quen aguanta.
Hai anos, nestas protocolarias reunións a xente estaba moi afeita a gardar o equilibrio, pero agora, non sabemos se porque a televisión lles quita aureola, porque as leis son máis benévolas ou porque os mozos impuxeron a súa rebeldía, non é difícil ver ó presidente da Xunta en plan campechano con calquera furtivo, con tal de non facer equilibrios estraños nin un nin outro.