Coñecido coma O Ferreiro de Beluso e como Che, José Andrés Tembra Redondo conseguiu gañarse un oco no eido artístico de Barbanza. Sempre pegado á forxa, este rianxeiro afincado en Boiro converte en obras de metal todo aquilo que ve en xornais, libros e outras publicacións diversas. Aínda que no seu museo particular ten reproducións de todo tipo, desde unha de Letizia e o Príncipe tal e como saíron en El jueves ata Os Picapiedra ou o famosísimo Bob Esponxa, o creador sinte predilección polos debuxos de Castelao. De feito, ven de montar unha exposición no auditorio municipal de Rianxo, da man da asociación Barbantia, na que amosa unha trintena de obras feitas a partir de ilustracións do galeguista.
-¿Por que esta predilección por Castelao?
-Porque comparto e levo moi dentro as ideas que tiña Castelao. Estou plenamente de acordo coas mensaxes que transmitía mediante os seus debuxos e por iso me decidín a reproducilos.
-¿Que proceso sigue para facer pezas coma as que poden verse no auditorio rianxeiro?
-Emprego habitualmente ferro, sobre fondo de madeira, aínda que en ocasións tamén boto man do aceiro inoxidable ou do metal. O ferro novo non serve, senón que teño que reciclar o usado fundíndoo e tratándoo logo con ácidos e con vernices. Este é o proceso máis laborioso. O que fago é botar o ferro dentro da cociña de leña para logo preparalo.
-E para reproducir as ilustracións de Castelao, ¿como fai?
-Teño na casa moitos libros de Castelao e o que fago é ampliar as viñetas ao tamaño que quero e logo reprodúzoas. Ás veces, incluso me permito cambiarlles algo.
-Das trinta que ten expostas en Rianxo agora mesmo, ¿cales destacaría?
-Hai tres que me gustan especialmente. Unha delas é A rebotica, na que aparece un conxunto de personaxes populares xogando ás cartas; outra é Están muxindo a vaca e o leite vai para Madrid pero, quizais, a mellor é unha de Valle-Inclán, pois está feita con ferro e tamén con arames de viña. Con eles deille forma á barba e ao pelo do escritor. Esta peza ía regalarlla a un amigo, pero a miña muller quedou prendada dela.
-Despois desta exposición, ¿seguirá con Castelao?
-Agora mesmo sigo, pero teño previsto cambiar en breve. Estou facendo algunhas pezas sobre a época medieval e tamén barallo participar nunha feira erótica que vai haber no castelo de Soutomaior, xa que teño algunhas obras con esta temática.
-¿Con que tema ten gañas de implicarse?
-Quero seguir cos escritores da nosa terra, co fin de preparar algo para as Letras Galegas. Tamén teño gañas de facerlle unha homenaxe a Labordeta.
-¿Cantas horas lle dedica a esta afección?
-Moitas, tantas que a miña muller ata me berra, porque deixo de lado tarefas que teño que facer na casa para dedicarme a isto. Pásome cada día seis ou sete horas co ferro e logo aínda lle sigo dando voltas ao tema na casa, ollando libros e publicacións.
-¿Fai traballos por encargo?
-Fágolle algunha peza, de vez en cando, aos amigos, pero para vender, non. Eu quero traballar libremente, tal e como empecei, que foi por casualidade. Comecei facéndolle un debuxo para o meu neto e unha viñeta de Castelao para o xenro. Quedei prendado disto e xa non puiden parar.
-¿Ten algunha espiña cravada?
-A verdade é que non me queixo, pois amosei os meus traballos por boa parte da comarca e incluso estiven no Centro Galego de Madrid. A nivel de obras, si que me gustaría facer algún personaxe típico de Rianxo.
che tembra artista
«O ferro novo non vale, senón que teño que reciclar o usado fundíndoo»
«Quero traballar libremente, tal e como empecei, que foi por casualidade»