Merkel-Sarcozy

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

Esa terquedade Merkel-Sarcozy e Sarcozy-Merkel de seguir erre que erre no mantemento dunha moeda feble coma se fose forte vai supor a caída en picado daquel proxecto inicial da Comunidade Económica Europea de 1957, que rematou nesta mal chamada Unión Europea, se alguén non fai algo para frear este novo rexurdir do deutscher nationalstolz, orgullo nacional alemán, e da antiga grandeur francesa, xa que isto é o miolo do que está a pasar, como se amosou na derradeiro cumio dos 27.

A crise financeira mundial é unha especie de sudoku, ese encrucillado de números que, como non podía ser doutro xeito, é un invento xaponés, onde non poden coincidir as mesmas cifras nas filas, nas columnas e nas subcuadrícolas. Pois ben, ningunha moeda de calquera dos países do mundo teñen o mesmo valor, agás nos países da zona euro. Por iso, cando se lles pide aos emerxentes, como China, que merquen débeda soberana europea, non se molla, a pesares de que con menos yuans poden mercar máis euros que dólares, xa que no mesmo saco están países algo solventes -os menos- e pouco solventes -os máis- polo que cómpre un cambio radical da política da UE, axustando o noso valor monetario á nosa realidade económica.

Isto enténdeno moi ben os palmeiráns que seguen traballando nos EE.UU. ou xubilados en España, xa que cada mil billetes coa efixie de George Washington e a lenda Confiemos en Deus equivalen a uns 707 dos que levan doce estrelas de cinco puntas, mentres que un inmigrante marroquí en España transforma mil euros en 11.288 dirhams (ademais da escola e a sanidade gratis), pero en dólares só acada 7.979 (sen escola e sanidade polo morro). Traducido quere dicir que os norteamericanos aforran un 30% menos cos españois, mentres nós pagamos aos marroquís 30% máis. ¿É isto normal?.

Con este panorama, o lóxico sería que esa maioría que di confiar agora en Rajoy non se puxese de parte, poñamos por caso, dos privilexiados do ensino público, senón dos desempregados do sector privado.