De Caronte a Estadea

BARBANZA

Tomando a vida como unha carreira de relevos, ó largo do espazo e do tempo quitóuselle fereza á morte coa esperanza dunha resurrección unhas veces e outras dunha reencarnación, como se fósemos simples caguñas caídas nunha leira que acabarán volvendo á vida coa forza dunha nova planta. Sen embargo, o medo ós mortos en corpo ou alma presente forma parte dos mitos e lendas da nosa área cultural, investíndoos de poderes que nos fan recear da súa presenza, a pesar dese tranquilizador dito de que «fan máis mal os vivos cós mortos», como o finado Meleagro lle dixo a Heracles cando este, ó atopalo no Tártaro, o lugar onde penaban os condenados gregos, o ameazou co seu arco.

E certamente, os mortos non fan dano, pois segundo nos conta a tradición oral, acostuman a vir para pór orde, a aclarar malos entendidos ou a pedir unha axuda para facilitar o seu transo pola outra vida. Non fan dano, pero tal vez tomamos contra eles tantas precaucións por herdanza dos supersticiosos romanos, que os esconxuraban cunha serie de ritos, temendo que as súas almas interrompesen a paz dos vivos; e así, por herdanza daqueles, aínda hoxe se lle rende culto procurando mantelos tranquilos e ó outro lado das portas deste mundo por moito que en vida se lles quixese. Celébranselle días para lembralos, pero tamén ritos para arredalos e tranquilizalos, para, en opinión popular, que descansen en paz, xa sexa con cabodanos, misas ou responsos, unhas veces por memoria e outras por precaución, unhas veces por se necesitan dun empuxonciño e outras porque o oferente cre ou asegura ter visto ó finado vagando en demanda expresa dalgunha oración para axudarlle a cruzar as porta do Alén.

Os mortos non fan mal, pero ninguén quería nin quere encontrarse co Urco, ás Larvas ou calquera desas procesións de almas en pena, tan tradicionais como a Compaña, a Estadea ou a barbanzá Gracia de Deus. Nin atopalos nin estar entre eles quere ninguén, como non quería o barqueiro Caronte, que na Grecia clásica transportaba as almas daqueles que pagasen un óbolo a través da lagoa Estixia cara as portas do Máis Alá, ata que, canso de tanto remar en tan lúgubres augas, ofrecía o seu remo ós viaxeiros con toda sorte de enganos: «agárramo aí que quero atar o zapato», para, en canto aquel o tomase, liberarse el de tan pesado labor.

E entre nós, tal vez de todas as lendarias figuras de finados sexa a Estadea, por iso mesmo, unha das máis temidas, pois que quen se encontra con ela está exposto a ser invitado a acompañala pasándolle a facha, como Caronte quería pasar o remo, o luminoso símbolo que abre o camiño a tan tétrica procesión, e que ó mesmo tempo serve para advertir á veciñanza da próxima morte do infeliz que, día a día, tomará a cor da cera, chucharase ata quedar case nos ósos e non se liberará de tal se non encontra a outro máis infeliz ca el a quen cederlle tan indesexado e macabro testemuño.

Os mortos non fan mal, pero as almas son de temer.