Somos moitos

XULIO GUTIÉRREZ ROGER

BARBANZA

O principal problema ecolóxico do Mundo é a sobrepoboación

30 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Antes de ler este artigo, toma o reloxo e cronometra o tempo que tardas en facelo.

Na feira medieval de Noia recréanse algúns aspectos da vida que os europeos levaban nesa época. Lonxe das recreacións idealizadas que nos ofrece con frecuencia o cine e a literatura, foron anos difíciles nos que a esperanza de vida non superaba como media os 45 anos para os varóns e os 35 para as mulleres, cunha mortalidade infantil do 45 por mil. No ano 1000 a poboación de toda Europa rondaba os 30 millóns e a poboación mundial apenas chegaba aos 310 millóns de persoas.

Nese contexto, o esgotamento dos recursos naturais nunha rexión non supoñía maior problema que a busca doutros lugares alternativos onde proceder á extracción. Os bosques, o mar e o subsolo considerábanse fontes inesgotables de riqueza, e os tesouros naturais eran tomados na medida da tecnoloxía existente en cada época.

Pero a finais do século XX, o avance científico e tecnolóxico levounos a cruzar un umbral inquietante: o consumo de recursos naturais dos países industrializados chegou a tal punto que, se toda a humanidade fixese o mesmo, superaríanse os que existen no planeta.

Para visualizar facilmente esta idea os expertos utilizan o concepto de «pegada ecolóxica». Consiste na medida da superficie do planeta que precisaría unha persoa para manter de xeito indefinido o seu modo de vida. Inclúese neste indicador a cantidade do mar correspondente ao peixe que consume, a cantidade de bosque, de terreo agrícola, de pastos para o gando, de explotacións mineiras, etcétera.

A capacidade teórica do planeta, a día de hoxe, é de 1,8 hectáreas por persoa. En España, cada un de nós estamos utilizando 5,7 hectáreas, non tanto como os habitantes dos Emiratos Árabes Unidos (9,5), ou os estadounidenses (9,4), pero moito máis que a media mundial (2,7), e moitísimo máis que os habitantes dos países pobres de África, América e Asia (menos de unha). Os expertos calculan que necesitariamos tres planetas como a Terra para que todos os habitantes do mundo puidesen vivir como os europeos.

Así as cousas, resulta evidente que non é posible que todos os países acaden o nivel de desenvolvemento dos países ricos, alomenos cos actuais niveis de consumo de recursos e de produción de residuos. Nin sequera coa incorporación das novas tecnoloxías. Tamén resulta evidente que a situación agrávase cada minuto, pois a poboación mundial prosegue a súa espectacular progresión pese a algúns intentos de control demográfico.

As conclusións desta reflexión son preocupantes: se pretendemos manter o noso modelo de consumo debemos contar con manter na miseria a unha proporción crecente da humanidade, e se algúns dos chamados países emerxentes se incorporan á nosa despilfarradora forma de vida, a situación empeorará considerablemente. Está visto que o principal problema ecolóxico no mundo é que somos moitos, quizais demasiados, aínda que nalgúns sitios a poboación non medre, como en Galicia.

Mira outra vez o reloxo e considera que cada segundo nacen cinco persoas e morren dúas. Cunha simple conta poderás calcular canto aumentou a poboación mundial neste tempo.

A feira medieval de Noia recrea un tempo cunha esperanza de vida pequena FOTo x. gutiérrez