Despois de diplomarse como técnico electrónico, José Manuel Castro Vázquez (Noia, 1951) percorreu medio mundo como mariño mercante. Aquelas viaxes servíronlle para coñecer un sinfín de historias e lendas, das que foi tomando nota coidadosamente. Hai uns anos, establecido en terra, en concreto nunha empresa de telecomunicacións de Compostela, animouse a plasmar todos aqueles apuntes en varios libros. Un deles, El lago, ven de ser publicado pola editorial 2.0.
-Electricista e escritor semellan a priori actividades bastante distantes, ¿como foi no seu caso a conxunción?
-A profesión de electricista, en concreto, no período que estiven navegando, serviume para tomar unha serie de notas sobre historias curiosas coas que me ía atopando. Tiña previsto esperar á xubilación para, en vez de aburrirme, plasmar todos os apuntes nunha novela. Un bo día, díxenme, ¿por que esperar? Senteime diante dun ordenador e de aí xurdiu El lago.
-¿É a primeira novela que escribiu ou que consigue publicar?
-Esta novela forma parte dunha triloxía e hai xa seis anos que a teño rematada. O que ocorre é que a enviei a diferentes editoriais e, ata que contactei coa compostelá 2.0, non conseguín que vira a luz. Para un descoñecido, publicar é moi complicado. A maiores, teño outras dúas obras de ciencia ficción e unha de novela negra xa rematadas.
-¿Cal foi a súa fonte de inspiración nesta triloxía?
-Viaxei por diferentes países, sobre todo de Sudamérica, zonas que constitúen unha gran fonte de inspiración, sobre todo para o eido da ciencia ficción. En aquela época, collía apuntes das historias que me contaban e no libro incluso aparecen personaxes reais, cos que me atopei nas viaxes.
-¿Que lle ofrece esta novela aos lectores?
-Aínda que é unha novela de ciencia ficción, ten outros moitos condimentos. Hai unha historia de amor, ten relatos paralelos de aventuras, misterio e incluso unha corrupción.
-¿O seu obxectivo é sacar á luz a triloxía completa?
-Claro, pero iso vai depender da editorial e, sobre todo, do recibimento que teña esta primeira parte. Desde o punto de vista creativo, eu teño claro que é unha triloxía que vai de menos a máis, na que se percibe unha clara progresión, por iso me gustaría que vise a luz por completo. Non só o digo eu, senón que me sinto avalado polas 37 persoas que leron o borrador das tres obras.
-¿Que foi o que lle impactou a eses primeiros lectores?
-Pois foron varios aspectos os que eles destacaron. O primeiro, que se trata dunha lectura amena, pois con tres ou catro pinceladas, sen entrar nunha descrición detallada, transmito moitas cousas. A maiores, os que leron a triloxía completa destacan a importancia da historia de amor e a aventura trepidante, na que nada é o que parece.
-¿A que tipo de público vai dirixida a obra?
-Ao público en xeral. Non é para nenos, evidentemente, pero a partir de aí non hai restricións. Como contén tantos ingredientes, penso que vai gustarlle incluso a aqueles lectores que non teñan especial interese pola ciencia ficción.
-Antes falaba do que custa publicar a primeira obra, ¿vostede esperaba que fose tan complicado?
-Eu empecei a casa polo tellado, como se soe dicir, enviando a novela ao premio Planeta e a outros certames de envergadura, porque cría na miña obra, e sigo crendo. Logo dei o paso de enviar o borrador a pequenas editoriais e xurdiu o contacto con 2.0, onde consideran que incluso é unha historia idónea para dar o salto ao sector audiovisual.
-¿Vese como un escritor superventas?
-Totalmente. Penso que a miña novela non desmerece con respecto a outros superventas que hai no mercado, sobre todo porque ten unha trama novidosa, trepidante, digna incluso de protagonizar unha película de cine.