O negriño que a pretendeu

BARBANZA

08 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Mi tía Remixia, ós dous minutos de comulgar xa volveu caer na tentación. Certo que ela só peca de pensamento, pois para pecar de palabra é demasiado comedida e para pecar de obra demasiado maior.

Foi hai pouco máis dun ano. Estaba recollida nas súas oracións cando don Gumersindo anunciou que a colecta dese día sería para financiar a viaxe duns curas «negriños», traídos de terra de infieis porque os mozos daquí non queren ir ó seminario.

E ela, que cando traballaba nunha fábrica de costura en Suíza foi pretendida por un nixeriano alto e guapo, ó que lle deu cabazas porque se parecía demasiado ó diaño que se retorce ós pés do san Miguel da igrexa da súa parroquia, mirou desde o recollemento da oración para aquel Lucifer e pensou para os seus adentros que non era tan feo.

Alí estaba aquel ser moreno, musculoso, con romántica expresión triste, que lle lembraba ó seu pretendente no intre en que lle deu o non definitivo e el lle respondeu con resignación «co felices que podíamos ser alí onde ti quixeses».

En tal ocasión, mi tía Remixia, que sempre foi moi devota, antes de rexeitalo lembrara ó vello párroco que pregoaba desde o púlpito que o pecado volve a pel negra coma o chamizo, que os infieis, por malvados, foron expulsados ó outro lado do Estreito, e que en África os misioneiros convivían co diaño que os acosaba a cada intre.

Aventuras restrinxidas

Desde o día que por un exceso de fe lle deu cabazas ó musculoso pretendente, as súas aventuras amorosas víronse restrinxidas a fugaces miradas clandestinas e inenarrables pensamentos durante o visionado dalgunha película de Sidney Poitier, e decidiu dedicar todo o seu cariño ós moitos sobriños que enriquecemos a súa vida sentimental e empobrecemos o seu caudal de costureira, sen que a ela lle faltasen nunca dúas pesetas para o Domund, co fin de que os negriños non andasen coas súas vergoñas ó aire.

-¿Será que a falta de curas fai morenos ós anxiños? -pensou ela e ó momento arrepentiuse, sentiu unha especie de arcadas, como se a Sagrada Comunión quixera fuxir de tan pecaminoso corpo, e antes de que o sacerdote botase a bendición, xa ela se foi arrimando á porta da sancristía para agardalo, en solicitude do consello espiritual que a liberase de tan pecaminoso pensamento.

-Remixia, os negriños tamén son fillos de Deus -díxolle o cura, don Gumersindo-. ¿Non coñeces a san Bieito de Palermo?.

Agora, mi tía Remixia, que é unha santa sen aureola, séntase todos os días ó lado da imaxe de san Miguel, e cando lle pregunto por que alí precisamente, ela dime que é para pedirlle perdón por tantos anos de malos pensamentos.

-¿A quén mi tía?.

-Ó negriño que me pretendeu.